Hemeroteca club

O RC Celta, anfitrión do torneo de clasificación Élite UEFA Sub-19 para Europeo e Mundial

RC Celta

UEFA_SUB-19.jpg

O presidente, Carlos Mouriño, anunciou esta mañá que o Celta organizará este importante evento

 

O presidente do Real Club Celta, Carlos Mouriño, anunciou esta mañá que Vigo albergará un gran evento futbolístico que porá no club e a cidade un gran foco de atención a nivel europeo. Tras organizar a tempada pasada con gran éxito a Copa de Campións Xuvenil, o Celta será o anfitrión do Minitorneo Elite UEFA Sub-19, unha competición clasificatoria para o Campionato de Europa Sub-19 e o Mundial Sub-20.

 

Entre o 30 de maio e o 5 de xuño de 2014, o estadio de Balaídos será o escenario principal deste torneo no que participan as seleccións nacionais de España, Alemaña, Dinamarca e Lituania. Un importante acontecemento que reunirá a algunhas das maiores promesas do fútbol europeo e que proba o compromiso da entidade viguesa coa aposta pola canteira, unha filosofía de club que vai máis aló do traballo diario na Madroa.

 

Os afeccionados galegos poderán gozar de seis intensos e apaixoantes partidos. España abrirá o calendario da competición o 31 de maio cun enfrontamento ante a selección de Dinamarca, unha xornada na que Alemaña xogará ante a Lituania.

 

O día dous de xuño, o combinado nacional español enfrontarase a Lituania, mentres que Alemaña medirase a Dinamarca e tres días despois pecharase a competición cos partidos Alemaña-España e Lituania-Dinamarca.

 

O presidente celeste expresou a súa gran satisfacción pola decisión da Federación Española de Fútbol de conceder ao Celta a organización deste importante torneo, para cuxo desenvolvemento contará coa colaboración do Concello de Vigo.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas