O RC Celta emprende este verán unha nova conquista. Mostrará, por primeira vez na súa historia, a súa identidade, valores e virtudes nun país de posibilidades infinitas. O equipo celeste disputará en xullo un partido amigable en Estados Unidos. Medirase ao San José Earthquakes, un club histórico da Mayor League Soccer, xa que foi un dos 10 equipos que participaron na primeira liga e un dos fundadores da competición.
O encontro disputarase o 20 de xullo no PayPal Park, na cidade de San José na Bahía de San Francisco, sede do primeiro rival estadounidense ao que se medirá do RC Celta na súa historia. O club vigués asume cunha gran ilusión o reto de seducir aos amantes do fútbol de Estados Unidos.
Este será o primeiro partido anunciado para unha pretempada que o RC Celta lanza coa campaña ‘It´s not just a match’. E é que a cita é moito máis que un simple partido para o RC Celta. Trátase dunha extraordinaria oportunidade para facer un ‘match’ e gañarse o corazón dos afeccionados ao fútbol de California e dun país no que este deporte non deixa de crecer.