Foi un 23 de agosto de 1923, ao dez da noite, na sede da Federación Gremial de Patróns, cando se selou a fusión do Vigo Sporting e a Fortuna coa firma dos pertinentes documentos e a lectura da composición da primeira xunta directiva do novo club resultante: o Celta. A entidade celeste cumpre este xoves a nada desdeñable cifra de noventa e cinco anos, e faino ademais nun dos momentos máis importantes e ilusionantes da historia do club.
Para celebrar tan significativa efeméride, o RC Celta organizou diferentes accións que terán como escenario a nova sede social do club, situada na viguesa Rúa do Príncipe, corazón da cidade olívica. Os afeccionados que se acheguen a A Sede durante a xornada deste xoves 23 de agosto, poderán gozar dunha decoración especial e animación polo 95 aniversario, ver un emocionante vídeo histórico no espectacular videowall da tenda, probar unha das 1.000 tortas que o RC Celta repartirá a pé de rúa ou conseguir a pulseira conmemorativa do 95 aniversario.
O momento álxido do aniversario chegará ás 18:30 na tenda de A Sede, cando o presidente Carlos Mouriño e o capitán Hugo Mallo corten unha torta de aniversarios xunto a varios abonados celestes nados no ano 1923, o da fundación do RC Celta. Os centros da actividade deportiva do club, ABANCA Balaídos e A Madroa, tamén se engalanarán para celebrar esta data única.
O RC Celta anima a todos os afeccionados e cidadáns a acudir este xoves 23 de agosto a A Sede, na Rúa do Príncipe, para participar nas actividades e festexos do 95 aniversario.