O RC Celta doará á Rede de Bibliotecas de Galicia 1.500 exemplares do libro de relatos de “100 anos de Afouteza e Corazón”. Unha doazón que levará a historia e a tradición celeste por todos os concellos da comunidade galega, fomentando a inclusión na lectura e promovendo a educación literaria. Serán máis de 300 os destinos aos que se enviarán estes exemplares que estarán ao dispor da afección para que os poidan ler, gozar e revivir as historias que recollen.
“100 anos de Afouteza e Corazón” é un libro de relatos que recolle as lembranzas de catorce celtistas ilustres. Jacobo Buceta, Pedro Feijoo, Sergio Álvarez, Juan Carlos Álvarez, Armando Álvarez, Evaristo Premos, Marta Larralde, Teresa Portela, Carlos Pereiro (Carlangas), Alicia Barreiro Graña, Paco Herrera, Paula Montes e Antonio Durán (Morris) ofrecen unha perspectiva única sobre algúns dos partidos máis emblemáticos que marcaron a centenaria historia do RC Celta. Este non é un simple libro de historias, é un reconstrucción do sentimento e do imaxinario celeste. Unha homenaxe, por e para a afección, que a partir de agora estará dispoñible en todas as bibliotecas de Galicia co desexo de que cada páxina transmita o cariño, a afouteza e o corazón que caracterizan o verdadeiro sentir deste club nos seus 100 anos de historia.