Insignia Ouro 2025 - 16x9
Celtismo

O RC Celta entrega este mércores as súas insignias de ouro a 8 fieis abonados

RC Celta

O RC Celta renderá homenaxe este mércores a oito abonados que acompañaron ao club durante medio século, entregándolles as tradicionais insignias de ouro da institución en recoñecemento aos seus 50 anos de fidelidade. Un emotivo acto que terá lugar esta mesma tarde en Abanca Balaídos e que contará coa presenza da presidenta do RC Celta, Marián Mouriño; os capitáns do primeiro equipo, Iago Aspas e Iván Villar; así como as capitás de As Celtas, Lara Martínez e Sara “Muñi”.

Os socios homenaxeados este ano son: Francisco Alonso Fernández, Manuel Carlos Pose Mosquera, Carmen Docampo García, Susana Asenjo Barreiras, Manuel Pereira Vieitez, Carlos Domínguez Fernández, José A. Portela Rodríguez e Omar Vázquez Verissimo. Cabe destacar que Manuel Carlos e Carmen Docampo son matrimonio e el formou parte do Celta xuvenil nos anos 60, un vínculo histórico e emocional que engade un valor aínda máis especial a este recoñecemento.

Por outra banda, Francisco Alonso e Susana Asenjo non poderán asistir ao acto pero o club faralles chegar igualmente a súa merecida homenaxe.

Tras a entrega de insignias por parte da presidenta Marián Mouriño, todos os asistentes realizarán a tradicional foto de familia nun escenario único, no que tantas alegrías e emocións vivimos ao longo dos anos, o noso templo celeste. Finalmente, o acto culminará cunha cea cóctel no propio estadio, nun ambiente de celebración e gratitude por unha vida enteira de apoio e compromiso co RC Celta.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas