O RC Celta participou o pasado luns no acto conmemorativo do 40 aniversario do Club de Xornalistas Galegos en Madrid. Un evento realizado no Centro Cultural Eduardo Úrculo, ao que acudiu Antón Álvarez, conselleiro do club celeste, xunto a outros representantes institucionais e do ámbito cultural galego co obxectivo de poñer en valor o papel fundamental que realiza este Club na difusión e preservación da cultura galega.
Máis aló da promoción dos valores de galeguidade que fortalecen os vínculos entre Galicia e a súa diáspora, o acto tamén foi escenario da presentación do libro “40 anos que marcan a diferenza. Club de Xornalistas Galegos de Madrid en perspectiva” e da entrega dos “Premios Galegos”, uns galardóns nos que o RC Celta destacou polo seu papel como embaixador deportivo de Galicia e como exemplo de conexión coas súas raíces.
Antón Álvarez, en representación do club, agradeceu o recoñecemento, destacando a importancia da reconexión do club coas súas orixes e a súa afección: “Están a ser uns días moi intensos en casa Celta, co obxectivo de facer un club máis grande, competitivo e moderno. E entre todo iso, quería destacar esa recuperación das raíces e como estamos reconectado coa xente da cidade, da área metropolitana e con todos aqueles galegos que están fóra”. Ademais, o conselleiro subliñou que este galardón reflicte o esforzo da entidade celeste por reforzar a súa unión co celtismo e as súas raíces, unha tradición compartida que conecta ao RC Celta con Vigo e con todos os galegos, sen importar onde se atopen. “Este recoñecemento dinos que as cousas se están facendo ben e que esa unión co celtismo non é casualidade, é froito da nosa historia e as nosas raíces”, concluíu.
Para o RC Celta, como sinalou Antón Álvarez, recibir este recoñecemento é un motivo de orgullo e unha honra que reforza o compromiso do club coas causas que enxalzan a cultura galega. Achegar ao labor que realiza o Club de Xornalistas Galegos en Madrid é, sen dúbida, un privilexio, polo que o RC Celta espera poder celebrar outros 40 anos máis escribindo historia en galego.