16x9 Disty
O Club

RC Celta e Dirty Suc presentan o segundo equipamento para a tempada 24/25

RC Celta

O RC Celta lanza o seu segundo equipamento para a tempada 24/25, unha homenaxe á cidade olívica que representa o corazón do celtismo. Despois de presentar a primeira camiseta no tradicional azul celeste cunha chiscadela ás nosas raíces ao incluír o nome de todos os concellos de Galicia, o club céntrase en enxalzar na súa segunda pel a Vigo.

A nova camiseta destaca en tons azul mariño, unha cor emblemática na historia dos equipamentos do RC Celta, complementado con elegantes chevrones e detalles en laranxa. Nas costas recupérase o Trisquel tras lucir durante a tempada do centenario os escudos de Fortuna e Sporting Vigo. Ademais, o deseño inclúe un patrón celeste que adorna a camiseta e rende homenaxe a cinco lugares icónicos de Vigo a través das súas siluetas, os cales reflicten a esencia da cidade e o seu profundo vínculo co club: a ponte de Rande, o Pazo Quiñones de León en Castrelos, o faro de Alcabre, a Ermita da Guía e os soportais do Berbés.

Un equipamento único creado por e para o celtismo que evidencia a unión do RC Celta coa cidade. Unha peza que permite conectar coas nosas raíces, e que levará aos xogadores para sentirse sempre en casa.

hummel, o novo pártner técnico do Real Club Celta, envorcouse de novo na personalización da camiseta cun deseño moi aliñado cos acenos de identidade da cidade de Vigo.

Un dos puntos fortes do lanzamento desta nova camiseta, é o seu anuncio. Celta Media, en colaboración con Dirty Suc, presenta a peza cun rechamante vídeo que subliña o arraigamento, a paixón e a fidelidade do celtismo baixo o claim: #nosecondteam. O artista vigués loce o segundo equipamento sobre a súa canción “Son galego”, un tema que fala sobre o orgullo de nacer en Galicia. Unha canción de aquí como himno de presentación dunha camiseta de aquí, da nosa terra, do noso fogar, de Vigo.

A nova segunda equipamento está dispoñible desde hoxe, mércores 10 de xullo, nas tendas físicas da Sede e ABANCA Balaídos, así como na web oficial do club. Non te quedes sen a túa!

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas