1920x1080
Novas destacadas

O RC Celta rescata a esencia dos 2000 no seu primeiro equipamento para a tempada 25/26

RC Celta

O RC Celta presenta a súa nova primeira equipación para a tempada 2025/26. Unha camiseta que recupera a alma das grandes noites europeas e que conecta coa memoria colectiva de toda unha xeración. Inspirada nas icónicas elásticas de principios dos anos 2000, é unha peza que nos fai viaxar e rememorar aquelas inesquecibles noites de fútbol en Abanca Balaídos. Unha indumentaria nada para competir, pero tamén para crer e soñar.

A camiseta presenta un deseño sinxelo, pero á vez elegante, dunha inconfundible cor celeste acompañado de sutís detalles en vermello e azul mariño. O pescozo en forma de “V” achega un toque clásico, mentres que a franxa lateral cos característicos chevrones de Hummel reforzan unha estética poderosa. No corazón, como non podía ser doutra maneira, o escudo bordado do RC Celta achega un toque retro a todo o conxunto ademais de engadir un valor emocional incalculable. E, na parte traseira, o trisquel na caluga evoca á historia e a evolución dun club que está en constante crecemento.

O equipamento está confeccionado cun tecido técnico, desenvolto por Hummel con tecnoloxía BeeCool®️, que garante a máxima transpirabilidade da camiseta, un secado rápido e a constante sensación de frescor e comodidade. Este tecido está estruturado cunha tecnoloxía jacquard de alto rendemento, que combina hilatura mate e brillante achegando profundidade visual e distinción. Cada un dos compoñentes foi optimizado para garantir un produto de alto valor funcional, visual e comercial.

Este primeiro equipamento do RC Celta para a tempada 2025/26 xa está dispoñible na tenda en liña. Mentres que o luns, a partir das 10:00h, poderase adquirir nas tendas físicas do club en A Sede e Abanca Balaídos.

Cando compras esta camiseta, quizá non o saibas… pero poderías estar a facer historia. Como aquel neno que no ano 2000 comprouna sen imaxinar que con ela celebraría os goles de Mostovoi, Karpin ou Catanha. Que vibrarían xuntos en Abanca Balaídos soñando con Europa e vivindo noites máxicas contra o Benfica ou a Juventus. Hoxe, como entón, volvemos soñar xuntos. Porque isto non é só un recordo, é unha época que aínda perdura.

Hoxe fas historia.

RC Celta

Etiquetas

Novas club Novas destacadas

Noticias recomendadas