Escudo RC Celta comunicados (1)
O Club

O Real Club Celta convoca a súa Xunta Xeral de Accionistas para o 12 de decembro

RC Celta

Marián Mouriño exerce xa como presidenta en funcións do RC Celta tras a presentación formal da renuncia por parte de Carlos Mouriño e convoca a Xunta Xeral de Accionistas para o próximo día 12 de decembro, data na que se votará a súa designación, primeiro como conselleira e, posteriormente, na celebración do primeiro Consello de Administración renovado previsto para o día 13 de decembro, como Presidenta do Real Club Celta.

O proceso de transición segue os mecanismos estándares establecidos na Lei de Sociedades de Capital: o presidente presentou a súa renuncia a finais o pasado mes de setembro, cedendo o seu posto no consello de administración que, á súa vez, nomeou presidenta a Marián Mouriño de forma provisional e en funcións. A Xunta Xeral de Accionistas do próximo 12 de decembro someterá a votación e procederá á designación dos novos conselleiros e, estes, á súa vez, da nova presidencia. Desta maneira culminarase a substitución e designarase a presidencia definitiva do Real Club Celta.

A incorporación de Marián Mouriño á dirección executiva do club produciuse de maneira progresiva durante os últimos meses. Sen querer ostentar nunca o cargo formal de presidenta, dado o seu carácter transitorio e provisional ata que se produza a votación e ratificación na xunta de accionistas, Marián Mouriño foi intervindo cada vez máis na xestión do club, nun proceso de transición suave e progresivo acordado entre Carlos Mouriño e Marián Mouriño. Súas foron as decisións que deron lugar aos cambios máis relevantes nos últimos meses, como a contratación de Rafa Benítez ou a incorporación de Jose Gainzarain como novo CEO corporativo.

Para Marián Mouriño, a próxima xunta de accionistas representa o final dunha das etapas máis sólidas da historia do RC Celta. Nos 17 anos que durou a presidencia de Carlos Mouriño, o Celta logrou saír dun proceso concursal e afastarse dun serio risco de quebra, fortaleceu a súa estrutura económica ata converterse nun dos clubs máis solventes da liga, ademais con patrimonio propio por primeira vez na súa historia, e, tras conseguir o ascenso en 2012, logrou manterse ininterrompidamente durante 12 tempadas seguidas en Primeira División. Por este motivo, o propósito de Marián Mouriño é que a xunta xeral de accionistas sexa a primeira homenaxe a Carlos Mouriño polo traballo e a dedicación coa que o presidente se entregou durante os últimos 17 anos ao Real Club Celta.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas