Hemeroteca club

O Real Club Celta e a súa Fundación visitan o centro penitenciario de A Lama

RC Celta

presidente_a_lama.jpg

Carlos Mouriño e unha ampla representación do club fixeron entrega de material deportivo á institución

 

Unha ampla delegación do Real Club Celta realizou esta mañá unha visita, organizada pola Fundación Celta de Vigo, ao Centro Penal da Lama onde, ademais de percorrer as instalacións, tivo lugar unha interesante charla-coloquio no salón de actos da institución. Na visita participaron o presidente celeste, Carlos Mouriño, o vicepresidente Pedro Posada, a conselleira Carmen Avendaño, o director xeral, Antonio Chaves, o director da Fundación, Serafín Alonso e os xogadores Borja Oubiña e Gustavo Cabral, entre outros.

 

A Fundación Real Club Celta fixo entrega aos responsables do centro penal de diversas equipaxes e balóns do conxunto celeste para os distintos equipos deportivos formados nesta institución. A delegación celeste, que tamén recibiu diversas manualidades realizadas polos internos, visitou as distintas dependencias do centro e puido gozar dos magníficos traballos artísticos e de xardinaría que se realizan na institución.

 

O director do centro, Álvaro Nuevo García, e diversos responsables da institución explicaron aos representantes celestes o funcionamento da Lama e as principais características desta institución.

 

A visita concluíu cunha charla coloquio no salón de actos na que os internos realizaron numerosas preguntas sobre a canteira, o proxecto deportivo, as expectativas, etc…, co presidente e o capitán, Borja Oubiña como principais protagonistas.

 

O club e a Fundación queren expresar o seu agradecemento aos responsables do centro e internos pola súa amabilidade durante esta emotiva visita.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas