Cifra histórica para unha campaña que conclúe a finais de mes
O Real Club Celta comezará a tempada do seu 90 aniversario cunha cifra de abonados histórica, realmente espectacular: 23.850, que reflicte a enorme ilusión que xera o proxecto celeste de face a unha competición que comeza este luns. A campaña de abonados segue en marcha e continúan tramitándose renovacións e altas.
A familia celeste creceu de maneira considerable unha tempada máis. A campaña de abonados, en marcha ata final de mes, depara unhas sensacionais cifras que deixan patente o firme apoio da afección a un proxecto que este ano ten como obxectivo a consolidación do equipo na máxima categoría.
A falta de culminar o proceso de renovacións, con contactos individualizados cos abonados que aínda non renovaron, o club tramitou 23.850 abonos, dos que case 2.900 corresponden a novas altas.
Esta tempada liberáronse varios centos de asentos, incluídos en diferentes convenios, correspondentes ás bancadas de Preferencia e Gol. Esta iniciativa ten un dobre obxectivo, mellorar o ambiente nas mencionadas bancadas e pór a disposición dos afeccionados entradas en dúas das bancadas cun prezo máis alcanzable.
A campaña de abonados continuará aberta ata finais de mes, polo que ata entón os abonados que aínda non renovasen, varios centenares, poderán facelo nos próximos días sen perder a súa antigüidade e asento.