Hemeroteca club

O Real Club Celta participa na homenaxe a Fernando Cáceres en Zaragoza

RC Celta

caceres.jpg

Haberá unha ampla representación institucional e do primeiro plantel celeste na Romareda

 

O Real Club Celta participará na homenaxe ao ex xogador celeste Fernando Cáceres que terá lugar en Zaragoza a próxima semana coa achega de varios xogadores do primeiro plantel e unha representación institucional no encontro que disputará o Real Zaragoza e un combinado de amigos do ex futbolista.

 

O club vigués, no que Cáceres militou seis tempadas, estará amplamente representado no partido de homenaxe que lle tributa o equipo zaragocista, primeiro destino en España do bravo central arxentino. Diversos xogadores do primeiro persoal celeste participarán no encontro, que se disputará o mércores da próxima semana ás 20.30 horas na Romareda, onde tamén haberá unha notable representación institucional do club.

 

A recadación íntegra do partido, con entradas a cinco euros, irá destinada a sufragar os gastos do tratamento de Fernando Cáceres en Buenos Aires. Así mesmo, “a Caixa” habilitou unha Fila 0 para quen desexe colaborar con Fernando Cáceres, no número de conta 2100 8627 99 0200111250.

 

Fernando Cáceres chegou ao Celta no ano 1998 procedente do Zaragoza e durante o seis tempadas seguintes defendeu con arroxo a camiseta celeste, deixando pegada na afección céltica polo seu decoro e calidade. Disputou un total de 198 partidos e anotou tres goles.

 

En novembro de 2009, Cáceres recibiu durante un intento de roubo en Buenos Aires un disparo nun ollo que a punto estivo de custarlle a vida. O Real Club Celta quere expresarlle unha vez máis o seu apoio, trasladarlle todo o seu agarimo e desexarlle unha completa recuperación.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca club

Noticias recomendadas