Un espazo especial para un evento especial. O Salón Rexio da Sede púxose de gala este mércores nun dos actos máis emotivos da tempada. O RC Celta impuxo a Insignia de Ouro a 43 abonados que este ano cumpriron medio século de antigüidade como socios do club. Cada un deles é un exemplo de fidelidade, paixón e amor polas cores do RC Celta.
Instantes antes da imposición das insignias, o presidente Carlos Mouriño puxo en valor aos homenaxeados, dos que enxalzou o seu “compromiso”, “emoción” e “alegría” durante os 50 anos de apoio ininterrumplido ao club.
“Levades 50 anos xunto ao club. Nós levamos 13 a cargo do equipo. Estamos no Salón Rexio da Sede do RC Celta, que é a vosa casa. Foron soños os que nos levaron a crer que podiamos chegar a isto, e non só a isto, se non a seguir soñando para que estes sexan os primeiros pasos que debe dar un equipo como o noso para consolidarse en todos os ámbitos”, apuntou o presidente.
Carlos Mouriño destacou o paso ao fronte do club nos últimos anos. “Conseguimos estabilidade financeira, non temos ningunha débeda e crecemos noutras áreas. Este ano recibimos o premio Gacela á empresa que durante tres anos seguidos tivo un maior crecemento económico, un premio á xestión xeral do club e un recoñecemento por ser a 15ª canteira mundial que máis xogadores achega ás grandes ligas do mundo. Tivemos moitísimas distincións que nos fixeron pensar que podemos seguir crecendo”, sinalou durante a súa intervención. Ademais, avanzou que nos próximos días comezarán os traballos de construción da primeira fase da cidade deportiva tras recibir a licéncia pertinente.
Por último, tamén lanzou unha chiscadela á canteira. “Na época moderna nunca tivemos tantos canteiráns no club como agora. O catro capitáns que hoxe están aquí son da provincia e iso tamén nos dá unha marca de identidade. Desde o primeiro día defendemos a canteira e dixemos que era máis importante gastar 1 millón nela que nun futbolista dese valor”, afirmou Carlos Mouriño.
Xunto ao presidente asistiron ao evento os membros do consello de administración, directivos, corpo técnico e o catro capitáns do equipo para render merecidísimo homenaxe a uns abonados que son exemplo para todo o celtismo.
Tras entregar a cada un dos homenaxeados a súa insignia de ouro e diploma acreditativo, os 43 abonados históricos fixéronse unha foto de familia xunto á directiva do RC Celta, os capitáns e o corpo técnico.