The Guardian, un dos principais medios de comunicación a nivel mundial, dedicou recentemente un destacado artigo a Oliveira Dos Cen Anos, o himno do RC Celta composto por C. Tangana con motivo dos nosos cen anos de vida. Na súa análise, o xornal eloxia a súa emotiva forza artística e a súa capacidade para conectar coa audiencia, destacando que podería ser “o himno de fútbol artisticamente máis ambicioso de todos os tempos”.
Este recoñecemento por parte de The Guardian é un testemuño do impacto cultural e emocional que tivo a composición, e reforza o compromiso do RC Celta de honrar a súa historia e tradicións mentres transcende fronteiras cunha obra musical de gran relevancia artística.
Desde o seu lanzamento, Oliveira Dos Cen Anos xerou unha incrible repercusión tanto a nivel nacional como internacional. O himno do noso Centenario acumula máis de tres millóns de reproducións nas plataformas de Spotify e YouTube, onde mesmo chegou a ocupar o segundo lugar nas tendencias musicais. Este inmenso alcance demostra o impacto emocional que a canción tivo na audiencia global.
O recoñecemento non se limitou só aos afeccionados ao fútbol. Os críticos musicais do New York Times seleccionaron a canción como un dos dez mellores lanzamentos da semana, destacando a orixinalidade e a fusión única de tradición e modernidade que presenta o himno.
Así mesmo, a influencia de Oliveira Dos Cen Anos estendeuse ao ámbito da música latina. A recoñecida revista Billboard elixiuno, por unha ampla maioría absoluta do 89,79%, como o lanzamento da semana no xénero. Este recoñecemento destaca o poderoso impacto cultural da canción e a súa capacidade para transcender as fronteiras e conectar cun público diverso.