
O Real Club Celta de Vigo, S.A.D. informa os seus accionistas de que este venres, 13 de novembro, publicarase no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) o anuncio relativo á execución da ampliación de capital aprobada pola Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria de Accionistas celebrada o pasado 20 de outubro de 2026.
Con esta publicación dará comezo o período de subscrición preferente, que terá unha duración dun mes, ata o 13 de decembro de 2026. Durante este prazo, os accionistas terán dereito a subscribir novas accións de xeito proporcional á súa participación actual no capital social. En concreto, cada accionista titular de 23 accións poderá subscribir unha nova acción.
O prezo de emisión de cada nova acción será de 636,50 euros, importe que inclúe o seu valor nominal (10 euros) e a correspondente prima de emisión (626,50 euros). O desembolso deberá realizarse integramente no momento da subscrición.
Os accionistas interesados poderán consultar o número máximo de accións que teñen dereito a subscribir e obter toda a información necesaria a través do correo electrónico accionistas@celta.gal. Tamén poderán facelo presencialmente no domicilio social do club, situado na rúa Príncipe 44, 36202 Vigo (Pontevedra), previa cita.
A subscrición poderá formalizarse mediante o correspondente boletín de subscrición, dispoñible na páxina web do Club, debidamente cuberto e asinado, xunto coa documentación acreditativa da identidade do subscritor e, se é o caso, da súa representación, así como o xustificante do desembolso. Como alternativa, o trámite poderá realizarse presencialmente no domicilio social, tamén previa cita.
O pagamento deberá efectuarse mediante ingreso ou transferencia bancaria á conta titularidade da Sociedade (IBAN: ES33 0049 6755 6124 1629 7451), indicando no concepto: «Ampliación de Capital RCCV + nome completo ou denominación social do accionista». Tanto a documentación como o desembolso íntegro deberán completarse dentro do período de subscrición preferente.
Aqueles accionistas que non dispoñan dun número suficiente de accións para subscribir unha nova poderán agrupar os seus dereitos de subscrición preferente cos doutros accionistas ou transmitilos, de acordo coas condicións legal e estatutariamente previstas.
Unha vez finalizado o período de subscrición preferente, se quedasen accións pendentes de subscribir e desembolsar, estas poderán ofrecerse nunha segunda fase de asignación discrecional, cunha duración máxima de 15 días naturais, a outros accionistas ou a terceiros, ao mesmo prezo de emisión.
Para resolver calquera dúbida ou recibir información adicional sobre o procedemento e as condicións da ampliación de capital, os accionistas poden contactar co club a través do correo electrónico accionistas@celta.gal ou do teléfono 986 110 900.