O vale entregouse a quen mercou a camiseta e quixo trocala cando non había existencias
A tenda oficial do Celta acaba de recibir unha nova remesa de produtos Adidas, provedor de roupa deportiva do club, entre eles a primeira e a segunda camiseta oficial da tempada 2013-2014.
As persoas que posúen un vale para trocar a camiseta poden adquirila en exclusiva este mércores no establecemento céltico, mentres que a partir do xoves as elásticas estarán a disposición de todos os afeccionados.
As prendas Adidas incorporan tecnoloxía ‘Climacool’, que axuda a expulsar a calor e a suor do corpo grazas á súa composición de fibra e á combinación de diferentes tipos de tecido de malla abertos, situados estratéxicamente para permitir que o aire circule a través do tecido e seque a suor. O deseño das camisetas inclúe nunha das súas mangas o logotipo conmemorativo polo 90 aniversario do Real Club Celta.
A tenda oficial permanece aberta de luns a sábado, de 10 a 14 e de 17 a 20 horas. Os abonados celestes dispoñen dun dez por cento de desconto en todos os produtos á venda.
*O vale entregouse a aquelas persoas que mercaron unha camiseta e quixeron trocala cando non había existencias.