
O Celta arrinca o ano coa presentación do documental “Os que nunca se renden”, un bonito tributo con motivo do décimo aniversario de Celta Integra. Unha historia de inclusión e afouteza que pode gozarse xa na nosa canle oficial de Youtube.
Porque hai historias que non se contan, séntense. “Os que nunca se renden”, creado por Celta Media, é unha delas. O documental nace para celebrar os dez anos dun proxecto que transformou a maneira de entender o club e que se converteu no corazón que dá sentido a todo o que facemos.
A peza pon en valor o traballo de todas as persoas que fixeron posible este proxecto e está dedicado a todas as nais, pais e demais familiares dos xogadores e xogadoras do Celta Integra. Porque eles tamén son protagonistas e heroes desta historia. Unha historia que encarna como ninguén a afouteza que define ao celtismo e que se manifesta na capacidade de levantarse, de seguir e de gozar xuntos da viaxe.
Agora, coincidindo cunhas datas pensadas para compartir, “Os que nunca se renden” estréase en Youtube como unha peza para ver en familia e lembrar que o verdadeiro triunfo está en non deixar a ninguén atrás.
Non vola podedes perder!