O proxecto do RC Celta no ámbito dos eSports inicia unha nova e ilusionante etapa da man de LUA Gaming, prometedor club galego de gaming que se converte en colaborador do club celeste. Esta alianza marca un novo fito no compromiso do RC Celta con Galicia, un reflexo do desexo da entidade céltica por fortalecer os lazos con socios locais e potenciar o talento galego.
Como parte desta colaboración, os xogadores e creadores de contido de LUA Gaming representarán ao RC Celta en LaLiga FC Pro, a competición oficial de LaLiga para o videoxogo FC24.
O lucense Luisi, acreditado xogador e unha das revelacións da pasada tempada de LaLiga FC Pro, será o novo estandarte celeste no mundo gaming. Estará acompañado polo vigués Pablo Zamorano, o que fora o primeiro xogador oficial de eSports do RC Celta e que, nesta nova etapa, exercerá de adestrador e xogador suplente. Ademais, a influencer galega Carla Gabián participará no proxecto como embaixadora e creadora de contido.
O acordo entre RC Celta e LUA Gaming nace para desenvolverse a longo prazo dentro do ámbito de GS360, o ambicioso proxecto do deporte galego liderado polo club vigués. A colaboración con LUA Gaming non se limitará á competición en torneos de eSports, senón que traballará na organización de eventos e actividades que involucren á base de seguidores e continúen apoiando o talento local.
Un salto adiante para a sección eSports do RC Celta que, da man dun socio galego como LUA Gaming, buscará novas metas e éxitos para este ambicioso proxecto.
Sobre LUA Gaming
LUA Gaming é o primeiro club de entretemento galego do sector do gaming e os esports, que conta entre os seus embaixadores con Iago Aspas, Ana Peleteiro e Xurxo Carreño.
Comprometido coa creación dunha comunidade inclusiva e sustentable a través do entretemento dixital, o obxectivo de LUA Gaming é utilizar os videoxogos como unha ferramenta para a educación, a integración social e a promoción dun estilo de vida saudable.