Sportech
Novas club

RC Celta, Fundación e Celta Lab 1923 participan no I Galicia Sportech Congress

RC Celta

Este mércores e xoves celebrarase de maneira telemática o I Galicia Sportech Congress, un evento no que Celta Lab 1923 é coorganizador e patrocinador e no que tamén participarán de maneira directa o RC Celta e a Fundación. Todas aquelas persoas que desexen asistir poden reservar a súa praza de maneira gratuíta até este martes en https://galiciasportechcongress.com/registro

O Galicia Sportech Congress é o primeiro evento de innovación e transformación dixital do mundo do deporte que se celebrará na comunidade. Este congreso está destinado a afeccionados, clubs, organizacións, emprendedores e profesionais do sector e no abordaranse todos os cambios que houbo no mundo do deporte nestes últimos anos, os seguintes pasos que levarán a cabo ou as posibilidades empresariais que ofrece no terreo dixital.

Todos os participantes neste congreso terán unha visión global de todo o relacionado coa innovación que rodea ao mundo do deporte, a preparación dun deportista de elite antes dunha competición ou as ferramentas que emprega un club para que os seus deportistas rendan mellor grazas á alimentación e as novas tecnoloxías. Ademais, coñecerán o punto de vista das fundacións e todo aquilo que rodea aos clubs en materia social ademais dos puntos de vista de startups e patrocinadores.

O congreso está dividido en dúas xornadas (mércores e xoves) nos que haberá relatorios de profesionais de reputación mundial en múltiples sectores relacionados co mundo do deporte, a mercadotecnia, os patrocinios ou as novas plataformas dixitais. Ademais, celebraranse mesas redondas e talleres cos que achegar a todos os participantes os modelos máis exitosos que hai na actualidade.

Entre os máis de 40 relatores que haberá neste Galicia Sportech Congress destacan nomes como o de David Cal, múltiple medallista olímpico; Juan José García Cota, xefe dos servizos médicos do RC Celta e a Selección Española; Germán Arteta, director da Fundación Celta; David Suárez (Diesemm) e Lalo García (HUB In), cofundadores de Celta Lab 1923; Minerva Santana, directora de innovación e desenvolvemento global en LaLiga; Ricardo Mazzucca, ceo de Area Hub; Miguel Álvarez, creador de Kaantera, ou Borja Iglesias, xogador do Real Betis, entre outros.

A primeira xornada comenzará este mércores a partir das 09.15 horas e a segunda fará o propio o xoves ás 09.30 horas. Consulta na seguinte imaxe toda a programación do congreso.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas