DSC03754
Novas club

RC Celta e Recalvi renovan o seu compromiso ata 2026

RC Celta

Recalvi, un dos patrocinadores máis fieis da entidade celeste, aposta unha vez máis polo RC Celta. A marca e o club, ligados desde hai case 20 anos, decidiron renovar a súa vinculación ata 2026. Este acordo por dúas tempadas máis reafirma o compromiso de ambos por seguir crecendo xuntos dentro do panorama galego, expandindo as raíces, tradición e cultura local a nivel nacional e internacional.

Recalvi apoiará ao primeiro equipo na que será a súa décimo terceira tempada consecutiva en 1ªDivisión. Como é habitual, aparecerá na parte traseira do pantalón, tanto na primeira como no segundo equipamento. Seguirá tamén vinculado a unha das súas grandes apostas, piar fundamental do club, a canteira. As novas promesas celestes, desde o Celta Fortuna ata os equipos de fútbol base, levarán a marca viguesa na parte traseira das súas camisetas. Ademais, como novidade, este ano Recalvi dá un paso máis na súa colaboración e únese como patrocinador do proxecto máis ilusionante da próxima campaña: As Celtas. Na súa firme aposta polo desenvolvemento do deporte galego e o crecemento do fútbol feminino, Recalvi aparecerá na parte traseira do pantalón do equipo, no primeiro equipamento oficial de As Celtas, marcando así un fito na historia do club e da propia marca.

Chema Rodríguez, director xeral da compañía galega, expresou emocionado que “o Celta e Recalvi son historia de Vigo, ir da man é garantía de éxito”. Pola súa banda, Marián Mouriño, presidenta do RC Celta, lembrou con agarimo que “nos tempos máis difíciles do club, houbo alguén que apostou polo Celta e que nunca deixou de apoiar: Recalvi. Creu no proxecto de canteira e sumouse desde o primeiro momento. O resultado que vemos agora é froito desta unión. Esperamos o mesmo con As Celtas”.

Para o RC Celta, é un orgullo contar co apoio dunha marca galega que comparte os seus valores e raíces, e que foi un socio crave no seu desenvolvemento e éxito. Xuntos, o RC Celta e Recalvi continuarán expandindo a tradición e o sentimento celeste polo mundo, celebrando unha relación que non só resistiu o tempo, senón que se fortaleceu en cada paso.

 

O RC Celta, club centenario da cidade de Vigo, milita en Primeira División e é o conxunto galego con máis participacións na máxima competición nacional. Con máis de 10 millóns de seguidores nas súas redes sociais e máis de 23,000 abonados, o Grupo RC Celta distínguese polas súas relacións baseadas na confianza, excelencia e procura constante por xerar un impacto positivo na sociedade e na cultura galega.
Desde o seu nacemento en 1984, Recalvi evolucionou de ser unha pequena empresa de distribución de pezas de reposto a converterse nun importante grupo especializado no sector do automóbil. Con sede en Vigo e capital 100% galego, Recalvi é actualmente un dos maiores grupos de distribución de recambios e accesorios en España, contando tamén cunha destacada presenza en Latinoamérica.
RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas