
O Celta e Recalvi continúan camiñando xuntos. A compañía galega, un dos patrocinadores máis fieis da entidade celeste, renovou o seu compromiso co club ata 2028, consolidando unha relación que se estende xa durante máis de dúas décadas e que se converteu nun exemplo de unión entre dúas marcas profundamente vinculadas a Vigo e a Galicia.
O novo acordo reafirma a aposta de Recalvi polo proxecto celeste e dá continuidade a unha colaboración que acompañou o Celta en diferentes etapas da súa historia. A compañía seguirá vinculada ao primeiro equipo e, ao mesmo tempo, reforza o seu apoio ao fútbol base e especialmente ao Celta Fortuna, que afronta unha nova etapa en LALIGA Hypermotion.
Esta renovación supón así un novo impulso á colaboración entre ambas as entidades e á aposta compartida polo talento e o desenvolvemento dos novos futbolistas. O Celta Fortuna seguirá lucindo a marca Recalvi, que incrementa o seu apoio ao filial celeste nun momento especialmente ilusionante para o equipo e para o proxecto de fútbol base do club.
A relación entre Recalvi e o Celta remóntase a hai case 20 anos e mantívose e fortaleceuse ao longo do tempo, compartindo unha mesma forma de entender o deporte, o compromiso co territorio e a importancia das raíces. Con esta renovación ata 2028, ambas as entidades reafirman a súa vontade de seguir medrando xuntas e de continuar levando o nome de Vigo e Galicia cada vez máis lonxe.

“Para Recalvi, seguir acompañando o Celta é unha cuestión de compromiso e de identidade. Somos dúas empresas que medraron xuntas e que comparten unhas raíces e uns valores moi vinculados a Vigo e a Galicia. A chegada do Celta Fortuna á Segunda División supón ademais unha oportunidade para reforzar a nosa aposta polo fútbol base e polos novos talentos que representan o futuro do club”, explicaba o director xeral de Recalvi, Chema Rodríguez, tras a sinatura do novo acordo.
“Recalvi é moito máis ca un patrocinador para o Celta. É unha compañía que estivo ao noso lado durante moitos anos, tamén en momentos especialmente importantes e difíciles, e que comparte a nosa maneira de entender o club e o noso vínculo con Vigo e Galicia. Estamos moi felices de poder seguir contando con eles ata 2028 e de reforzar xuntos a nosa aposta polo Celta Fortuna e polo fútbol base”, argumentou a presidenta do Celta, Marián Mouriño.