
Abanca Balaídos recibiu ao celtismo na mañá do 5 de xaneiro para acoller un adestramento a portas abertas moi especial, unha cita que permitiu adiantar por unhas horas a chegada dos Reis Magos.
Dende moi cedo, numerosas familias achegáronse ao estadio coa ilusión de ver de cerca ao equipo, facerse unha foto ou conseguir a sinatura do seu xogador favorito. Coincidindo coas vacacións de Nadal e tras a vitoria fronte ao Valencia, a afección respondeu e acompañou ao Celta nunha sesión preparatoria previa ao partido do luns ante o Sevilla FC.
Ás once da mañá, os xogadores saíron ao céspede nun día frío, pero arroupados polo calor de 6.511 afeccionados, a maior asistencia rexistrada nun adestramento a portas abertas en Abanca Balaídos.
Ao rematar a sesión, os futbolistas compartiron tempo co celtismo, poñendo o broche de ouro a unha mañá cargada de ilusión que para moitos foi un agasallo de Reis adiantado.
O Celta agradece o apoio e desexa a todos unha feliz Noite de Reis.
