Santi Mina recibiu en Cidade Deportiva Afouteza o premio ao Xogador Estrella Galicia do mes de marzo polas súas destacadas actuacións no último mes. O dianteiro vigués obtivo o 40% dos votos emitidos pola afección celtista a través das redes sociais do club, seguido por Brais Méndez cun 35% dos votos e de Jeison Murillo cun 25%.
Mina mostrou a súa alegría ao recoller o seu segundo premio Estrella Galicia da tempada e agradeceu o apoio dos afeccionados. “Moitísimas grazas aos afeccionados e a Estrela Galicia”, apuntou.
En resposta aos afeccionados do RC Celta, o canteirán celeste falou da confianza que lle deu Eduardo Coudet desde a súa chegada ao club e asegurou que espera conseguir un título coa camiseta do RC Celta.
Xa en ton máis distendido, o dianteiro comentou que algúns compañeiros no vestiario chámanlle “pichón” e rememorou os seus primeiros encontros como afeccionado nas bancadas de Abanca Balaídos cando aínda era un neno.