info
Celtismo

Todos os horarios para gozar ao máximo deste Celta Fortuna – SD Ponferradina

RC Celta

Abanca Balaídos acollerá este sábado o partido de volta da final polo ascenso a Segunda División entre o Celta Fortuna e a SD Ponferradina, un encontro histórico para o filial celeste. Para todos os celtistas que acudiredes ao estadio para apoiar o equipo, facilitámosvos información que pode ser do voso interese.

Apertura de portas:

As portas de Abanca Balaídos abrirán ás 17.00 horas, unha hora e media antes do inicio do encontro.

Debido á gran afluencia prevista, o club recomenda acceder ao estadio con suficiente antelación para evitar aglomeracións e facilitar unha entrada fluída. Lémbrase que unha vez dentro do recinto cada afeccionado deberá ocupar a localidade asignada na súa entrada (excepto en Marcador Baixo).

Documentos de acceso:

O acceso a Abanca Balaídos para este encontro realizarase exclusivamente mediante a entrada previamente trocada. Ningún carné, independentemente da súa modalidade, será válido para acceder ao estadio o día do partido.

Todas as entradas son nominativas e será necesario presentar a entrada obtida durante o proceso de troco, xa sexa en formato dixital, NFC ou impresa. O club poderá solicitar documentación acreditativa de identidade para comprobar a titularidade da entrada e denegar o acceso no caso de que os datos non coincidan.

Así mesmo, o club solicita a todos os socios e celtistas que fagan un uso responsable das entradas gratuítas. Estas entradas non poderán ser utilizadas en ningún caso por afeccionados visitantes, para os que se habilitou unha zona específica xestionada a través do club rival.

O Celta resérvase o dereito de denegar o acceso ao estadio e/o adoptar as medidas que considere oportunas naqueles casos nos que se detecte un uso indebido das entradas asignadas.

Atención de incidencias:

Para resolver calquera incidencia relacionada coas entradas, o club habilitará un servizo de atención desde as 15:00h. nos despachos de billetes do estadio (entre as portas 14 e 15 de Marcador). Non se realizará troco de carnés, que termina ás 12:00h. do sábado, só será para incidencias.

Recoméndase a todos os asistentes revisar previamente que dispoñen da súa entrada descargada e accesible no seu dispositivo móbil antes de acudir ao estadio.

Apertura de despachos de billetes:

Os despachos de billetes estarán abertas desde as 15.00 ata o comezo do encontro para incidencias.

Apertura da tenda oficial do estadio:

A tenda oficial do estadio abrirá este sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00.

Acceso da afección visitante:

A afección da SD Ponferradina ocupará a zona visitante habilitada en Abanca Balaídos en Río Alto. As entradas destinadas aos seguidores bercianos foron xestionadas a través do seu club e son igualmente nominativas.

Servizo de consigna para carriños de bebé:

Para que os celtistas máis pequenos poidan acompañar aos seus papás, mamás, avós ou avoas a animar ao seu equipo, o Celta pon ao dispor dos afeccionados un servizo gratuíto de consigna para deixar os carriños de bebé mentres están no interior do estadio.

Este servizo estará habilitado na bancada de Tribuna, ao lado do local da Federación de Peñas, entre as portas 10 e 11 de Tribuna, desde a apertura das portas de Abanca Balaídos e ata 15 minutos despois da finalización do encontro.

Un partido para a historia:

A resposta do celtismo foi espectacular e espérase unha das maiores asistencias da historia do Celta Fortuna. O equipo afronta unha cita histórica co obxectivo de lograr o ascenso a Segunda División e necesita o apoio de toda a afección.

Xuntos polo soño!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas