O Centenario achegará a historia do RC Celta á súa afección de maneira entretida, didáctica e emotiva cunha iniciativa longamente anhelada que por fin se fai realidade. Tras varios meses de intenso traballo, o club pon ao dispor do celtismo unha espectacular visita guiada ao estadio de Abanca Balaídos na que os afeccionados poderán empaparse da historia celeste, poñerse na pel dos xogadores e sentir as emocións que asolagan diversos espazos do estadio antes e despois dun partido.
A visita arrincará nun singular espazo, o Museo celeste, dividido en catro bloques que representan os valores do club: Tradición, Afouteza, Orgullo e Corazón. Trofeos, camisetas, botas, bandeirolas, vídeos históricos, material fotográfico e interactivo… os 100 anos de existencia do RC Celta cobran vida nun Museo que mostrará a historia celeste de maneira áxil, entretida e dinámica.
Tras esta imprescindible visita, os afeccionados percorrerán o mesmo camiño que os xogadores ata o mítico túnel subterráneo situado tras a portería de Gol. Tamén poderán vivir dunha maneira privilexiada o ambiente do Abanca Balaídos grazas a unha experiencia de realidade virtual a pé de campo, desenvolta por Bstadium, onde os visitantes poderán experimentar sensacións únicas. Ademais, coñecerán diversas zonas do estadio normalmente inaccesibles como o terreo de xogo, o vestiario ou a sala de prensa, entre outras. Será, en definitiva, unha completa visita guiada pola historia do club con obxectos e recordos nunca mostrados antes.
As entradas póñense á venda desde hoxe en Bstadium.es, canle de venda oficial, cun prezo xeral de 15€ para adultos e 9€ para nenos, mentres que os abonados do RC Celta gozarán de tarifas especiais.
As visitas guiadas terán aforo limitado e realizaranse en diferentes horarios e idiomas, os venres, sábados e domingos.
O Centenario achegará á afección a historia do RC Celta e as emocións dun día de partido, nesta recentemente estreada visita guiada ao Abanca Balaídos. As portas do templo celeste ábrense para recibir a afeccionados do RC Celta e a todos os amantes do fútbol e do deporte en xeral.