A Sede recibiu este venres unha visita moi especial. Os xogadores Iago Aspas, Sergio Álvarez, Sergi Gómez, Hugo Mallo e o delegado Vlado Gudelj percorreron as obras do novo ‘cuartel xeral’ do RC Celta na céntrica Rúa do Príncipe.
Os celestes descubriron de primeira man os espazos onde moi pronto iniciarán a súa actividade o Gambeta Gastrobar, o Restaurante Silabario, a Clínica RC Celta, o Salón Rexio ou a Tenda Multimarca. Tamén visitaron as plantas do edificio que albergarán a residencia para canteiráns e as oficinas do club.
A Sede
O RC Celta, a súa afección e Vigo vivirán en marzo un acontecemento histórico, a inauguración da nova sede social do club, situada na rúa do Príncipe, no corazón de Vigo, nun emblemático inmoble que se converterá na casa do celtismo. Este evento terá lugar o día 17 do mes de marzo, unha data que sen dúbida pasará á historia do club, xa que a nova sede social é un dos grandes alicerces do proxecto de futuro da entidade e á vez un poderoso impulso ao presente.
Todas as novidades e detalles na web asede.rccelta.es e nas contas oficiais de A Sede en twitter, facebook e instagram.