O RC Celta, a súa afección, Vigo e Galicia viviron hoxe unha xornada histórica, a chegada do Celta ao corazón da cidade coa inauguración de A Sede, un magnífico edificio que se converterá en punto de encontro para o celtismo e nun gran referente en actividades culturais, comerciais e de lecer.
Foi unha xornada festiva na cidade con numerosas actividades e eventos seguidos de maneira multitudinaria por afeccionados e cidadáns, que se envorcaron co club e abarrotaron o centro de Vigo para celebrar a inauguración da Sede.
As rúas enchéronse de espectáculo desde o mediodía. Sarunas Pupelis Street Band, Beehive, Barafunda e Nelson Quinteiro Producións encargáronse de dinamizar o centro de Vigo con actuacións itinerantes desde as 12.00 horas.
Ás 18:00 horas, Nelson Quinteiro Producciones concentrou ao celtismo e a cidadanía fronte o museo do MARCO, onde numerosos afeccionados e cidadáns cantaron algúns dos temas e cancións máis populares da afección celeste.
Unha hora despois, co actor galego Javier Veiga como mestre de cerimonias e a presenza do presidente do club, Carlos Mouriño, os xogadores do primeiro equipo e da canteira, chegou o prato forte do día:. un multitudinario concerto na rúa do Príncjpe no que participaron os artistas Roi Méndez, Cepeda e Miriam de OT, a viguesa Wöyza, o gaiteiro galego Budiño, o mítico Miguel Costas. Puxo o peche a música de DJ Lagartija.
Xornadas de portas abertas
Os afeccionados poderán visitar A Sede o domingo 18, luns 19 e martes 20 de marzo, tres xornadas de portas abertas establecidas para que o celtismo e os cidadáns poidan coñecer a fondo as instalacións, xa que poderán realizar un percorrido completo por cada unha das plantas do edificio.
O horario destas xornadas especiais para o celtismo e os cidadáns será moi amplo para que todos os que o desexen teña a oportunidade de coñecer A Sede. As visitas poderán realizarse domingo, luns e martes en horario ininterrompido de 9.00 a 21.00 horas.