ESCUDO-1300x400-02
Centenario

RC Celta e Concello poñen en marcha “CelebraMos o Centenario” con numerosas actividades para os mosenses

RC Celta

A Cidade Deportiva Afouteza acolleu hoxe a primeira das actividades do programa  ‘CelebraMos o Centenario’, que inclúe un amplo abanico de iniciativas organizadas  polo RC Celta ao longo dos próximos meses en colaboración co Concello de Mos. Para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, diversos colectivos e asociacións de mulleres do municipio visitaron esta tarde a Cidade Deportiva Afouteza. Na visita estiveron acompañadas polo presidente do RC Celta, Carlos Mouriño e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Continuando con estas accións, os días 15 e 21 de marzo convidarase as asociacións e colectivos mosenses a participar en diferentes visitas guiadas a Afouteza. Para o público xeral, estas visitas terán lugar os próximos 14 e 22 de marzo. Todas realizaranse pola tarde, en diferentes quendas, desde as 15.30 ata as 19.00 horas, cunha duración estimada de 45 minutos. Para participar nas visitas xerais só é necesario inscribirse nun formulario habilitado polo club, que será difundido na páxina web e nas redes sociais do Concello de Mos.

Durante o percorrido, poderán coñecer o ximnasio, o comedor, os vestiarios do Celta B e do primeiro equipo, a sala de vídeo e control de afluencia, e ofrecerase a oportunidade de facerse fotos en puntos especialmente indicados para tal efecto.

O 21 de marzo, o RC Celta colaborará na plantación de árbores prevista no municipio con motivo do Día Mundial dos Bosques, coa plantación nos terreos da Cidade Deportiva de 100 árbores para sumarse así a una iniciativa na que participarán outras Comunidades de Montes do municipio e o propio Concello para realizar unha plantación total de 1.000 árbores.

O Club tamén estará presente, a través de Galicia Sports 360, na próxima Feira de Educación, FormaMos do Concello de Mos, que terá lugar os próximos 30 e 31 de marzo.

‘CelebraMos o Centenario’ incluirá, ademais, actividades para a mocidade. Unha delas  estará especialmente deseñada para o alumnado do IES de Mos, cunha charla sobre a historia do Club e a visita de xogadores do primeiro equipo ao centro. Están previstas, ademais, outras charlas e actividades dirixidas a diferentes públicos de Mos.

RC Celta

Etiquetas

Centenario

Noticias recomendadas