O Celta volve á Europa League nove tempadas despois da súa última participación e faio co orgullo de representar a Galicia e á súa xente por todo o continente. Un motivo de celebración que nos fai botar a vista atrás para lembrar a todos os galegos e galegas que, sobre todo durante a segunda metade do século XX, tiveron que saír a Europa pero por outro motivo. Calcúlase que unhas 500.000 persoas partiron desde Galicia cara a países como Francia, Suíza ou Alemaña coa única idea de construír un futuro mellor para os seus. Este carácter loitador é parte do noso carácter como club, moitas veces resumido na nosa famosa Afouteza.
Precisamente, os días previos a partir cara a Stuttgart, un destino con ampla representación galega, lanzamos unha homenaxe musical para lembrar a todos os galegos que tiveron que abandonar a nosa terra en destinos afastados como América ou, máis próximos como Europa pero asumindo unha importante brecha cultural e idiomática.
Esta homenaxe convértese, baixo o paraugas de Rio1923, nunha colaboración musical entre o Celta e Hard GZ. “Voltarei” é un recoñecemento a eses galegos que mantiveron na distancia esa esperanza de regresar ao fogar. Unha composición enérxica, que achega estas historias ás novas xeracións para que nunca se esquezan, a través dos nosos sons máis autóctonos. “Voltarei” é tamén un videoclip onde a nosa paisaxe e sentimento de pertenza fusiónanse para contar esta historia que termina creando unha oda á identidade.
“Voltarei” estrearase ás 00:00h. deste venres nas plataformas musicais dixitais (Spotify, iTunes, etc). O videoclip verá a luz nas redes sociais de HardGZ, Celta e Rio1923 ás 12:00h. do mesmo venres.
Hard GZ, (Pedro Ruibal Iglesias, Vigo, 1995) é un dos artistas máis influentes da música urbana en España. Coñecido pola súa autenticidade e por un discurso social comprometido, Hard GZ construíu unha traxectoria marcada pola independencia creativa, a conexión coa súa terra e a capacidade de emocionar a varias xeracións a través da súa música.
Criado en Galicia, comezou a rapear na adolescencia, forxando un estilo propio que combina a forza do rap clásico con sons contemporáneos. As súas letras, cargadas de honestidade, falan da vida nos barrios, a emigración, a loita e a esperanza, converténdose na voz de moitos mozos que se recoñecen na súa mensaxe.
Tras anos de traballo constante, Hard GZ conseguiu encher salas e festivais en toda España, xiras completas esgotadas e con concertos de gran formato como o sold out celebrado no WiZink Center de Madrid en xaneiro de 2025.
En Galicia, Hard GZ mantén un vínculo profundo coas súas raíces. Nos seus discos e actuacións mestúranse a identidade galega e a mirada internacional, unindo o local e o global. Ese mesmo espírito é o que o conecta hoxe co Celta: un club que representa a Galicia en Europa e que, do mesmo xeito que Hard GZ, leva consigo a historia da emigración galega e o orgullo dunha terra que nunca esquece de onde vén.
“VOLTAREI”
Visto a cores do ceo
vou lonxe traballar
se souberas canto che quero
non me deixarías marchar.
Canto custa o diñeiro
se co tempo teño que pagar
volta de novo estranxeiro
volta de novo ao fogar.
Lento, morro por dentro se non estás
sigo escoitando no vento o teu acento
o teu cantar, leva consigo un lamento
un segredo gardado no tempo,
orgullo que medra no peito
somos da costa somos do mar.
Fillos do sal e do monte,
petos baleiros fuxen da morte
fame en Galicia pura miseria
da miña familia.
Fillos do sal e do monte,
bocas famentas comen do norte
voltar de fronte, á miña casiña
á familia que nunca se rompe.
Al horizonte marchan los pobres,
van pal acero van pa los barcos
pan para el pueblo pan pa’ la ría
pa’ voltar cunha chea de cartos.
As mulleres con dobre papel,
criando soíñas no campo,
viúvas de vivos levando o fouciño na man
e coidando de tantos.
Entre as nubes, na miña terra
choiva, néboa, ceo celeste sangue Celta
voltar e sentir unha aperta.
Na chaqueta unha foto que pesa
non podo esquecer a promesa
e deixar que me leve a tristeza
sen loitar por manter a afouteza.
Mariñeiros, emigrantes
pedíndolle á Virxe do Carme
“que los proteja que no les falte
hasta que las manos aguanten”.
Pra o navegante, o que esta fóra
que sigue adiante busca melloras
eses de antes son como agora
deixan aos fillos aínda que doa.
Voltarei, voltarei, voltarei.
VOLTAREI:
Compositores:
Pedro Ruibal
Marcel Marti
Kevin Lisbona
Pablo C
Ursusson Paula Cabanas
Letra:
Pedro Ruibal
Músicos e interpretes:
Pedro Ruibal: voz
Kevin Lisbona: guitarra
Marcel Marti: sampler
Pablo C. Ursusson: voz e zanfona
Saúl Nogareda: cello
Xoel López: percusión
Carmen Gallego: voz e nyckelharpa
Ioana Pérez Núñez: violino
Tania Caamaño Liñares: voz
Juan Alberto Álvarez: gaita
Uxía Fernández: voz
Produtores:
Pedro Ruibal
Marcel Marti
Kevin Lisbona
Enxeñeiros:
Ramón Ramírez
Roberto Hernández