20240509_Presentacion_AsCeltas-3
Celtismo

Xa están aquí! A familia celtista recibe unida a “As Celtas”, o proxecto de fútbol feminino do RC Celta

RC Celta

O RC Celta viviu o xoves unha tarde para o recordo no evento de presentación do esperado proxecto de fútbol feminino do club. O anuncio do novo equipo celeste, “As Celtas”, ante os máis de 2.000 asistentes, selou un momento histórico que quedará gravado no corazón de todos os celtistas.

O acto tivo lugar no Campo de A Madroa, lugar onde adestrarán os equipos femininos do RC Celta, nunha tarde impregnada de significado e simbolismo. Ademais de darse a coñecer o nome do proxecto, os obxectivos e valores que persegue e presentar detalladamente os equipos que formarán parte desta nova era do club, o RC Celta e a afección foron un. O ambiente respirou amor polas cores, ilusión e orgullo por pertencer á familia celeste, e por vela crecer, durante as case 2 horas que durou o evento.

A actuación de Lil Kids, EME DJ e a entrega dunha camiseta conmemorativa foron algunhas das sorpresas máis destacadas da xornada. Unha imaxe de todos os asistentes coas 1.500 camisetas repartidas quedará como testemuño de unidade e compromiso no inicio desta recentemente estreada etapa.

Marián Mouriño, presidenta do RC Celta, afirmou tras o evento que está “ilusionada. Encantada, porque a xente está moi contenta. A afección sempre está a apoiar. Oxalá sigamos camiñando xuntos moitos anos”, destacando a gran oportunidade que supón para as nenas e a transcendencia que ten para a comunidade galega no seu conxunto. Algo que tamén resaltaron os diferentes representantes da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo, Concello de Mos e Federación Galega de Fútbol.

O RC Celta desexa expresar o seu máis sincero agradecemento ao celtismo polo seu inquebrantable apoio e dedicación en cada momento crucial do club. Xuntos, comezamos a escribir un novo capítulo na historia celeste.

Grazas, afección!

MANIFESTO

Co seguinte manifesto, lido na tarde do 9 de maio por Xisela Aranda, conselleira do RC Celta, arrinca unha nova era:

Xa están aquí.

Somos mulleres de terra e sementeira, mulleres de mar, mulleres de ferro. Somos As Celtas. Somos fortes e orgullosas, dispostas a desafiar ó establecido.

Recibimos o legado centenario do celtismo e da nosa cidade atlántica de vento e marea. Recibimos a herdanza da vida e da memoria das mulleres galegas que imprimiron en nos a afouteza para encarar con determinación cada reto, cada dificultade, cada batalla. Recibimos o legado das nosas avoas, das nosas nais, das nosas mulleres que fixeron este país de terra, de mar e de ferro.

Somos valentes, orgullosas deste escudo celeste que levamos no noso peito, a cor do noso ceo. Somos valentes e  loitaremos cada xeira, en cada campo, en cada partido.

Somos As Celtas, guerreiras que se erguen día a día dende a lama, dende a area, para pelexar até o último segundo, na vida e no campo.

Somos As Celtas, camiñamos xuntas sempre adiante, coidando das nosas, e xuntas facémonos mais fortes, leais, comprometidas. Avanzamos decididas cara o futuro, ca nosa mirada clara e firme no horizonte. Avanzamos ca forza dunha marea, á procura dun tempo novo e un territorio que aínda está por descubrir.

Somos libres, somos fortes, somos independentes.

Somos As Celtas. 

RC Celta

Etiquetas

Celtismo Novas club O Club

Noticias recomendadas