O RC Celta inicia este xoves unha eliminatoria histórica ante o KRC Genk belga. Os celestes regresan a uns cuartos de final da UEFA Europa League dezaseis anos despois coa determinación de romper os rexistros do club e alcanzar por primeira vez unhas semifinais do torneo continental.
O ambiente en Balaídos e o apoio da afección será sen dúbida extraordinario, tanto na previa como durante o partido, algo vital e que fará que o equipo senta unha vez máis arroupado polo celtismo.
Para intensificar o ambiente e a animación na bancada, os afeccionados atoparán nas butacas do estadio 30.000 aplaudidores que poderán utilizar durante o encontro. Os aplaudidores contan con dúas caras, unha decorada coa fotografía da celebración do gol de Wass ante o Krasnodar e a outra de cor celeste. No momento da saída dos equipos ao campo, os afeccionados deberán mostrar a cara celeste cara ao campo para tinguir todo o estadio da cor representativa do club.
Ao mesmo tempo, a bancada de Marcador recibirá aos xogadores despregando un gran tifo co escudo do RC Celta sobre a bandeira galega e a lenda “afouteza, corazón, orgullo, tradición”. Todo isto acontecerá durante o himno da UEFA Europa League, coincidindo coa saída dos futbolistas ao céspede. Minutos antes soará o himno do club e os afeccionados poderán realizar o tradicional bufandeo.