
O fútbol ten esas noites nas que o guion parece escrito, porque Iago Aspas saltaba ao terreo de xogo para disputar o que sería o seu partido 534 defendendo o escudo do Celta e tan só bastoulle un minuto para demostrar por que é o mellor xogador da nosa historia.
Na primeira xogada do encontro ante o OGC Nice, o capitán baixou ao centro do campo para iniciar a xogada, acompañou o ataque e, tras un rebote, cazou o balón na frontal da área para cravar un potente zurdazo que desatou a tolemia en Abanca Balaídos.
Tras un arranque brillante, o Niza tomou o mando e aproveitou un erro defensivo para empatar por medio de Cho. O tanto francés descolocó momentaneamente aos celestes, que se viron obrigados a recompoñerse. Pero a expulsión de Clauss cambiou o panorama. Cun xogador máis, os de Claudio Giráldez recuperaron o control do balón e comezaron a asediar a portería rival.
O premio chegou a falta dun cuarto de hora. Unha xogada na que Óscar Mingueza filtraba un pase que terminou cun potente disparo de Borja Iglesias que Oppong desviou cara á súa propia portería, subindo o 2-1 definitivo ao marcador. No tramo final, o Niza envorcouse en busca do empate e os tres córneres consecutivos no desconto fixeron conter o alento a todo o estadio, pero o asubío final desatou a ovación que Iago Aspas merecía.
Na segunda noite europea en Abanca Balaídos, Iago brillou converténdose no xogador con máis partidos na historia do Celta e demostrando que aínda queda moita historia por escribir xuntos.
FICHA TÉCNICA:
2 – Celta: Andrei Radu; Manu Fernández, Carl Starfelt, Marcos Alonso; Sergio Carreira (Óscar Mingueza, min. 72), Fran Beltrán (Hugo Sotelo, min. 72), Miguel Román, Hugo Álvarez (Borja Iglesias, min. 46); Iago Aspas, Pablo Durán (Javi Rueda, min. 66) e Bryan Zaragoza (Cervi, min. 78).
1 – OGC Nice: Diouf; Oppong, Juma Bah, Melvin Bard; Clauss, Louchet (Boga, min. 81), Abdul Samed, Abdi (Gouveia, min. 70); Mohamed-Ali Cho (Mendy, min. 46), Sanson (Vanhoutte, min. 70) e Kevin Carlos (Nguene, min. 81).
Goles: 1-0 Iago Aspas, min. 1; 1-1 Mohamed-Ali Cho, min. 15; 2-1 Oppong (pp), min. 75.
Árbitro: Sander Van der Eijk (neerlandés).Expulsou ao xogador francés Clauss (min.37) por dobre amoestación. Ademais, mostrou tarxeta amarela a Manu Fernández (min. 79) por parte do Celta, e a Mendy (min. 47) e Bard (min. 66) por parte do Niza.
Incidencias: Encontro correspondente á terceira xornada da fase inicial da Europa League disputado en Abanca Balaídos #ante 20.631 espectadores.