A Clínica do RC Celta na Sede marcou esta mañá o arranque da pretempada do equipo celeste cos habituais test e probas médicas que preceden ao inicio do traballo nos campos de adestramento de Afouteza.
Os xogadores celestes foron sometidos na Clínica RC Celta a unha completa analítica de sangue e ouriños e a diversas probas funcionais que permitirán ao corpo técnico e aos servizos médicos avaliar o estado físico dos futbolistas e desenvolver un rigoroso programa de traballos individualizados, efectivo tanto na prevención como para incentivar a mellora do rendemento de cada xogador.
As probas médicas continuarán na Clínica celeste a próxima semana coas probas de esforzo ás que se someterán a totalidade dos integrantes do plantel.
Os adestramentos do RC Celta comezarán o vindeiro luns ás 9.30 horas na Cidade Deportiva Afouteza nunha semana de intenso traballo que culminará co inicio da histórica xira americana do conxunto celeste.
O xefe de Fisioterapia do RC Celta, Ernesto Vieito, precisou que “estas probas nos axudarán a planificar o traballo que van realizar durante todo o ano sobre todo a nivel preventivo”.
Pola súa banda, Pedro Docampo, readaptador celeste, destacou que “realizamos uns test funcionais para analizar a postura en estático e en movemento do xogador para ver se hai limitacións que poidan condicionar o rendemento do deportista e se ten predisposición a sufrir algún tipo de lesión”.