Primeiro Equipo

A fortuna dá as costas ao Celta en Vallecas

RC Celta

ray-cel_3-0_1314.jpg

A sorte aliouse co Raio nos goles e os vigueses, que dominaron o tramo final, mereceron máis

 

O Celta perseverou na procura do gol do primeiro ao último minuto do partido, pero a sorte non estivo da súa parte. Dúas xogadas desafortunadas supuxeron os dous primeiros tantos do Rayo, que sentenciou no minuto 59. Unha tremenda agresión de Rat a Charles deixou aos locais en inferioridade numérica. Os de Luís Enrique dominaron os últimos trinta minutos e puideron reducir diferenzas en infinidade de ocasións. Sorprendentemente o partido finalizou sen que os celestes puidesen estrear a súa conta goleadora.

 

Duelo de ti a ti entre vallecanos e vigueses. Ambos os conxuntos iniciaron o encontro a un bo ritmo, con marcada presión e mínimos riscos. Os celestes protagonizaron a primeira ocasión do encontro cunha xogada de estratexia que non acabou en gol por moi pouco. Un centro ao segundo pau, onde Krohn-Dehli cabeceou á área pequena, finalizou con remate frouxo de Íñigo López, que non foi capaz de inquietar ao porteiro rayista.

 

Os locais armaban rápidas ofensivas, pero non lograban pisar área. Bueno e Falqué tentaban sorprender a Yoel con disparos desde fóra dos dominios do gardameta olívico. No minuto 18 un descoido de Rubén, porteiro rayista, a punto estivo de aproveitalo Charles. O hispano-brasileiro roubou o balón, pero non puido rematar a porta.

 

O Rayo replicou con fortuna. Nunha ofensiva na que os rebotes favoreceron aos madrileños, o esférico acabou nas botas de Rochina. Tras tocar en Íñigo López o balón coouse ao fondo da portaría celeste. Corría o minuto 30. O Celta non baixou os brazos e insistiu con determinación, roldando continuamente a área rival pero sen chegar a acertar na finalización. O choque chegou ao tempo morto tras un remate de cabeza de Larrivey que a punto estivo de supor o segundo tanto local.

 

Nada máis renovarse o choque a sorte volveu sorrir ao Rayo. Tras unha perda de balón en mediocampo por parte dos celestes, Bueno recibiu practicamente só, acomodou o balón e disparou con contundencia. Yoel estivo a piques de atrapar o esférico, pero este escorregou entre as súas mans e cruzou a liña de gol.

 

Dez minutos despois o Rayo golpeou de novo. Xogada de estratexia que anulou a defensa céltica. Trashorras recuperou a pelota e disparou. Bueno tocou o xusto para desviar a traxectoria da pelota e anotar o terceiro tanto dos rayistas. Os minutos pasaban sen apenas perigo por parte do Celta. No minuto 63 unha inaceptable agresión de Rat a Charles espertou aos vigueses. O colexiado expulsou con vermella directa ao romanés e o conxunto de Luís Enrique aproveitou a súa superioridade numérica para incrementar a súa presenza na área rival.

 

Remates de Álex López, Fontàs, Nolito, Krohn-Dehli… o Celta asediou a portaría do Rayo, pero a seriedade defensiva dos locais e a ausencia de fortuna na definición impediron que o equipo olívico reducise distancias no marcador.

 

FICHA TÉCNICA

 

3-Rayo Vallecano: Rubén, Arbilla, Zé, Gálvez, Rat, Saúl, Trashorras (Nacho, min.66), Falque, Rochina (Baena, min.55), Bueno e Larrivey

 

0-RC Celta: Yoel, Hugo Mallo, Íñigo López, Fontàs, Jonny, Krohn-Dehli, Augusto (Bermejo, min.62), Rafinha, Orellana (Álex López, min.45), Nolito e Charles (Santi Mina, min.68)

 

Goles: Rochina, 1-0 (min.30); Bueno, 2-0 (min.49); Bueno, 3-0 (min.59)

 

Árbitro: Pérez Montero, do comité andaluz. Amonestou a Gálvez, Larrivey, Nolito. Expulsou con vermella directa a Rat (min.63)

 

Campo: Vallecas

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas