A melloría do equipo, da man dunha afección envorcada, incansable e entusiasta, foi notable nas últimas xornadas, pero a competición impón que ‘A Nosa Reconquista’ debe continuar co mesmo ou maior ímpeto. O RC Celta recibe este sábado ao FC Barcelona (20.45 horas) cunha angustiosa situación para os equipos involucrados na loita pola permanencia. Os celestes necesitan gañar para manter as súas opcións. E para gañar precisan unha vez máis do celtismo, factor chave nas tres vitorias consecutivas en ABANCA Balaídos que marcaron o resugir dos celestes.
Sen a posibilidade de entregar invitacións, xa que as entradas levan á venda desde principios do pasado mes de novembro, o club lanza diversas iniciativas para xerar un ambiente acorde coa importancia do partido. Desde as 17.30 horas, a explanada de Marcador servirá de punto de encontro para os afeccionados celestes.
Alí atoparán puntos de venda de cervexa e choripanes a prezos populares. Non faltará a boa música cun DJ que dará gran protagonismo aos temas que soan de maneira habitual no interior do estadio de ABANCA Balaídos. A ambientación musical completarase coa participación de bandas de percusión e gaitas.
Non faltará unha das pezas chave de ‘A Nosa Reconquista’, xa que as peñas organizan unha vez máis un espectacular recibimento ao equipo. Para iso, citaron á afección ás 18.45 horas nesa mesma zona.
Ademais, durante toda a xornada do sábado ofrecerase un desconto do 50 por cento (non acumulable) na tenda de Abanca Balaídos, A Sede e shop.rccelta.es, nos seguintes produtos: camiseta de segundo equipamento, minikit de 1ª e 2ª equipamento, roupa de adestramento e de paseo da presente tempada e chaqueta himno.