Primeira derrota . Larrivey anotou para os celestes, que tiveron moitas ocasións (1-3)
Ao Celta escapóuselle un partido que dominou con claridade, no que xerou innumerables ocasións, en apenas un minuto. O Villarreal anotou dous goles en cuestión de segundos na primeira metade cando mellor estaban os celestes. Larrivey recortou xusto antes do descanso e o intenso e longo acoso celeste non tivo premio. Nos últimos minutos o Celta quedou con 10 pola expulsión de Fontás.
Alto ritmo e dominio da posesión do Celta nun partido vibrante desde o primeiro instante, con dous equipos que non querían reservar nada e buscaban con ambición o campo rival. No primeiro cuarto de hora, con ambos os conxuntos moi enteiros, apenas un par de aproximacións relevantes. Aos 16 minutos, gran cambio de xogo de Nolito cara a Orellana, centro deste e o andaluz non puido cabecear por centímetros en boca de gol.
O conxunto vigués foi acentuando o seu dominio, con boas chegadas en especial pola banda dereita, aínda que a zaga visitante mostrábase solvente e rigorosa. Nolito e Krohn-Dehli realizaron aos 26 minutos unha gran parede na área, con remate final do extremo e desvío acertado de Asenjo. Pouco despois, o andaluz rematou alto un bo centro de Hugo Mallo nunha nova chegada dun Celta que propuña máis e xogaba mellor que o seu rival.
O partido rompeu de forma incrible en apenas un minuto, nefasto para o Celta, que cando mellor estaba, cando máis dominaba, encaixou dous goles en cuestión de segundos. Moi Gómez anotou os dous tantos e rompeu o encontro entre os minutos 32 e 33. O Villarreal nin se achegou e de súpeto atopouse cunha cómoda vantaxe.
Os celestes reactiváronse, tras o duro pau, ao final, cun par de ocasións claras para polo menos recortar esa inxusta desvantaxe. Un defensor e Asenjo evitaron o tanto céltico. Non puideron facelo no minuto 43. Nolito cortou a saída de balón rival e Larrivey anotou con tranquilidade e precisión ante Asenjo. A primeira metade acabou cun remate desvaído de Orellana desde a interior da área. Os locais lograran suavizar o inxusto resultado xusto antes do intermedio.
Tras a continuación, ao Celta custoulle centrarse, meterse de novo no partido e sufriu nos primeiros minutos. Entrou de cheo aos 9 minutos con ocasións inmellorables que se lle negaron. A última delas, un remate de chilena de Fontás, sacouna un defensor na liña de gol. Os vigueses apertaban, chegaban, xeraban, pero carecían de fortuna no remate final.
O acoso foi tremendo, pero sen premio durante moitos minutos. O cansazo foi aparecendo polo intenso esforzo en ataque. A pesar de todo, as ocasións seguiron chegando, moitas e claras, pero non había maneira. Mesmo con dez xogadores pola expulsión de Fontás, chegaron oportunidades claras, sen fortuna. O Villarreal matou o encontro á contra ao final.
FICHA TÉCNICA
1-R.Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Planas (Jonny, min.67), Radoja (Madinda, min.74), Álex López (Charles, min.83), Krohn-Dehli, Orellana, Nolito e Larrivey
3-Villarreal: Asenjo, Mario, Gabriel, Víctor Ruíz, A. Marín, Trigueros, Bruno, Moi Gómez (Cani, min.72), Cherysev (J. Dos Santos, min.65), Giovanni (Vietto, min.67) e Uche
Goles: 0-1, min.32: Moi Gómez; 0-2, min.33: Moi Gómez; 1-2, min.43: Larrivey; 1-3, min.89: Mario
Árbitro: Álvarez Izquierdo. Do comité catalán. Expulsou con dobre amarela a Fontás (min.85) e amonestou a Jonny, Kronh-Dehli, Orellana, A. Marín, Gabriel, Cani
Campo: Balaídos, 22.323 espectadores