
O Celta marchouse de Anoeta sen puntos tras unha auténtica loita de titáns baixo o diluvio donostiarra. Primeira derrota celeste neste 2026 nun partido moi competitivo e cun desenvolvemento moito máis equilibrado do que reflicte o resultado final.
Arrincaba a primeira parte e Bryan Zaragoza avisaba tan só 30 segundos despois cun lanzamento que se marchaba pola liña de fondo. Lamentábase o atacante malagueño mentres o conxunto de Claudio Giráldez facíase co dominio do partido ante unha Real Sociedade en plena dinámica ascendente que soubo aproveitar ao máximo as súas ocasións. Mikel Oyarzabal, na que era a primeira aproximación local, recibía un balón na frontal da área e axustaba un lanzamento ao segundo pau co que lograba superar a Radu.
Lonxe de descompoñerse, tocaba remar e o Celta mantivo o seu plan. Asumiu o control do balón, mostrouse atrevido polas bandas e buscou profundidade con mobilidade constante. A iniciativa foi visitante durante boa parte do primeiro tempo, aínda que a Real, máis agresiva tras o gol, presionou alto durante varios minutos. Antes do descanso, o partido volveu virar cando unha forte entrada sobre Manu Fernández terminaba coa expulsión de Caleta-Car, deixando á Real con dez en toda a segunda metade.
Un contexto que favorecía ao conxunto de Claudio Giráldez que, tras axustar o sistema, pasaba a instalarse en campo rival. Con paciencia e abrindo liñas, foron empuxando a unha Real Sociedade replegada, ata atopar o empate nas botas de Borja Iglesias que controlaba na área unha boa asistencia de Sergio Carreira. Con todo, no mellor momento celeste, chegou o segundo golpe local. Nunha acción illada, Oyarzabal parecía querer imitar o seu primeiro gol anotando novamente desde a frontal.
O 2-1 tampouco apagou ao Celta, que seguiu buscando o empate ata o final e acumulou chegadas no tramo decisivo do encontro, topándose cun inspirado Remiro. Xa no tempo engadido, co equipo envorcado, un penalti permitiu a Brais Méndez pechar o marcador desde os once metros, certificando un resultado excesivo para a loita vivida sobre o terreo de xogo.
FICHA TÉCNICA:
3 – Real Sociedad: Remiro; Aranburu, Caleta-Car, Jon Martín, Aihen; Turrientes (Zubeldia, min. 46), Gorrotxategi, Sucic (Brais Méndez, min. 80); Guedes (Marín, min 69), Barrenetxea (Odriozola, min. 46) e Oyarzabal (Òskarsson, min. 85).
1 – Celta: Andrei Radu; Marcos Alonso, Carl Starfelt, Manu Fernández (Óscar Mingueza, min. 46); Hugo Álvarez, Sergio Carreira (Miguel Román, min. 76), Hugo Sotelo (Williot Swedberg min. 76), Ilaix Moriba (Iago Aspas, min. 56); Bryan Zaragoza, Pablo Durán (Borja Iglesias, min. 56) e Jones El-Abdellaoui.
Goles: 1-0, min. 16: Oyarzabal. 1-1, min. 72: Borja Iglesias. 2-1, min. 74: Oyarzabal. 3-1, min. 90+4: Brais Méndez, de penalti.
Árbitro: Alberola Rojas (Comité Castela-A Mancha). Por parte do Celta, amoestou con amarela a Bryan Zaragoza e ao técnico, Claudio Giráldez. Mentres que, por parte da Real Sociedade, foi expulsado con vermella directa Caleta-Car (min.45) e viron cartón amarelo Sucic e tamén o adestrador local, Pellegrino Matarazzo.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Laliga EA Sports disputado no Estadio de Anoeta ante 29.678 espectadores. Antes do inicio do encontro, gardouse un respectuoso minuto de silencio en memoria de todas as vítimas dos accidentes ferroviarios ocorridos nos últimos días.