WEB CRONICA
Primeiro Equipo

Auténtico duelo de titáns en Montjuic | FC Barcelona 4-3 RC Celta

RC Celta

A xornada 32 de Laliga EA Sports pasará á historia por regalarnos un dos mellores partidos da competición no que vai de temporada. O RC Celta visitou o feudo blaugrana e ofreceu unha versión camaleónica que puxo contra as cordas ao líder grazas a un hat-trick de Borja Iglesias.

O encontro comezaba cun FC Barcelona perigoso que abría o marcador aos 12 minutos tras unha xogada individual de Ferrán Torres que parecía dar ás aos culés, pero a reacción celeste non tardaría en chegar. Aos tres minutos, Yoel Lago despexaba de tacón un centro que recibía Pablo Durán para escaparse pola banda e asistir a Borja Iglesias que, aproveitando o erro na saída de balón de Szczesny, tan só empurraba o balón ao fondo da rede para devolver as táboas no luminoso. A partir dese momento, o partido traduciuse nunha auténtica loita corpo a corpo entre dous titáns da competición que non tiñan intención de ceder no camiño cara aos seus propios obxectivos.

Arrincaba a segunda parte coa mesma intensidade que terminara a primeira. O RC Celta mantiña un xogo ordenado e ben plantando en defensa e, sete minutos despois, un veloz contragolpe permitía a Borja Iglesias adiantar aos celestes cun tiro axustado ao segundo pau. Gozaba sobre o terreo de xogo o Panda que, pouco despois, aproveitaba un saque longo de Sergio Carreira para quedar só cun man a man ante o porteiro rival e anotar a pracer o terceiro tanto celeste da tarde e o seu primeiro hat-trick en Primeira División nin máis nin menos que en casa do líder. Unha vantaxe que parecía definitiva e que enmudecía ao estadio Olímpico de Montjuic pero, nese momento, Hansi Flick cambiaría o seu sistema para tratar de volver meter aos seus no partido. Dani Olmo acurtaba distancias no minuto 65 e Rapinha lograba o empate cun cabezazo no 68. Dous tantos que non amedrentaron aos de Claudio Giráldez que continuaban ben plantados sobre o terreo de xogo e xerando ocasións de perigo que poderían tornar as táboas ao seu favor pero a fortuna non estivo do seu lado. Cando o encontro parecía visto para sentenza, o colexiado, tras ser avisado polo VAR, sinalaría un penalti no último minuto que transformaba Rapinha dándolle a vitoria ao FC Barcelona.

A pesar da derrota, o RC Celta saíu de Montjuïc coa cabeza ben alta, tras plantarlle cara ao líder da competición e demostrar unha auténtica exhibición de personalidade e valentía sobre o terreo de xogo. Sempre orgullosos dos nosos xogadores que xa se preparan o que será o seu próximo reto en Laliga, este mércores ás 19:00 horas, en Abanca Balaídos onde recibirán ao Villarreal CF e volverán loitar por facerse cos tres puntos.

FICHA TÉCNICA:

4 – FC Barcelona: Szczesny; Koundé, Pau Cubarsí, Iñigo Martínez (Pau Víctor, min. 87), Gerard Martín (Eric, min. 87); Pedri, Frenkie de Jong, Fermín (Dani Olmo, min. 59); Raphinha, Lewandowski (Gavi, min. 78), Ferrán Torres (Lamine Yamal, min. 59).

3 – RC Celta: Vicente Guaita; Javi Rodríguez, Yoel Lago, Marcos Alonso, Sergio Carreira;  Fran Beltran, Ilaix Moriba (Hugo Sotelo, min. 89); Pablo Durán (Fer López, min. 73), Iker Losada (Óscar Mingueza, min. 46), Willot Swedberg (Alfon, min. 60); Borja Iglesias (Aspas, min. 73).

Goles: 1-0, Ferrán Torres, min. 12. 1-1, Borja Iglesias, min. 15. 1-2, Borja Iglesias, min. 52. 1-3, Borja Iglesias, min. 63. 2-3, Dani Olmo, min. 65. 3-3, Raphinha, min. 68. 4-3, Raphinha (pen.) min. 90+8.

Árbitro: Melero López (Comité Andaluz). Do RC Celta, foron sancionados con tarxeta amarela Iago Aspas e Fer López. Mentres que do conxunto local, viron cartón amarelo Raphinha e Iñigo Martínez.

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 32 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Olímpico de Montjuic ante 48.569 espectadores. Nos prolegómenos gardouse un minuto de silencio polo falecemento da familia Escobar-Camprubí.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas