Esgotadas as entradas para o partido deste domingo ante o Real Madrid, penúltima xornada de Liga
A oficina de abonados colgou esta mañá o cartel de ‘esgotado’. Os últimos billetes para o encontro do domingo ante o Real Madrid xa foron despachados e confírmase que Balaídos presentará unha das mellores entradas da tempada.
O estadio vigués acollerá a penúltima xornada de Liga, a última da campaña 13-14 en Balaídos, cun espectacular ambiente que servirá como colofón a unha notable campaña do equipo céltico. O rival non podía ser máis motivante. Os celestes darán o máximo ante unha das mellores escuadras do momento con dous obxectivos: agasallar á afección cunha nova vitoria e continuar crecendo na táboa clasificatoria.
Ademais, para despedir a tempada do 90 aniversario ao grande e premiar o impresionante apoio do celtismo, o club organizou unha festa na que os afeccionados poderán gozar de concertos, unha ampla variedade de actividades, gastronomía a prezos populares e moitas máis iniciativas desde as 12:00 do mediodía nos arredores do estadio de Balaídos, tanto antes como despois do partido.