Borja Iglesias gaña o seu primeiro premio Estrella Galicia tras pechar un mes excepcional. O canteirán foi elixido polos afeccionados celestes como o mellor futbolista do RC Celta do mes de abril tras impoñerse na fase final da votación a Fran Beltrán, Javi Rodríguez e Yoel Lago.
“É moi bonito vivilo pero, sobre todo, poder axudar ao equipo para sumar e para seguir gozando“, recoñece Borja ao recibir o premio, demostrando a importancia da constancia e o traballo en equipo para alcanzar os obxectivos nun mes no atopouse “moi cómodo, moi feliz e con ganas de máis“.
Este recoñecemento pon a guinda a un mes de abril que seguro será inesquecible para o futbolista galego que, no encontro ante o FC Barcelona, anotaba o primeiro hat-trick da súa carreira en Primeira División, un momento moi bonito do que confesa que queda con “a maneira na que o celebraron os meus compañeiros, parecía máis deles que meu“.
Un recoñecemento no que Borja subliñou os valores que definen ao vestiario celeste: unión, compañeirismo e o equilibrio entre mocidade e experiencia. O dianteiro quixo destacar a enerxía, talento e capacidade de aprendizaxe dos xogadores máis novos que contribúen a unha atmosfera de traballo moi positiva. Unha comuñón moi bonita, nun grupo que “gozamos do día a día” e con esa mesma ilusión chegan a final de tempada con licenza para “soñar por algo bonito“.
Sempre comprometido e involucrado co día a día do club, Borja quixo felicitar a As Celtas polo seu recente ascenso a Segunda Federación confesando que está seguro de que “nos darán moitos éxitos e moitas alegrías no futuro“.
Por último, o Panda non quixo pasar a oportunidade de mandarlle unha mensaxe a toda a afección coa que mantén unha conexión especial. “Somos moi afortunados de poder gozar desa comuñón tan especial que temos con todos eles que nos axuda moitísimo para afrontar cada partido“, confesa.
Sen dúbida, Borja Iglesias atópase nun momento doce na súa carreira deportiva no que está a gozar tanto dentro como fora do campo e que mantén cunha gran dose de ilusión coa que encara este último tramo da temporada.
Parabéns, Borja!