
Borja Iglesias foi distinguido como un dos homes do ano 2026 pola revista GQ España, nunha edición que recoñece a personalidades salientables de diferentes ámbitos da cultura, o deporte e a sociedade.
O dianteiro celeste recibe este recoñecemento pola súa traxectoria deportiva e, especialmente, por representar unha forma de entender o deporte que vai máis aló do terreo de xogo. O seu compromiso social, a defensa da empatía e a liberdade e o seu xeito de expresar as súas conviccións foron algúns dos aspectos salientables pola publicación.
O galardón foi entregado por sorpresa por Claudio Giráldez durante a gala celebrada no Museo Reina Sofía de Madrid, nunha noite na que Borja tamén quixo agradecer o apoio da súa contorna e do Celta.
Un recoñecemento a un futbolista que, dentro e fóra do campo, demostrou que o deporte tamén pode ser unha ferramenta para transmitir valores e contribuír a unha sociedade mellor.