O Celta desplegou un gran xogo e colleitou un empate ante os ‘clarets’ da Premier League (2-2)
As sensacións que ofrece o Celta continúan mellorando partido tras partido. Os vigueses saltaron ao céspede do Turf Moor con nove canteiráns no once titular, proba do extraordinario traballo que están a realizar as novas promesas celestes durante esta pretemporada. O conxunto adestrado por Eduardo Berizzo mostrou por momentos unha imaxe brillante, cun dominio abafador en todos os aspectos do xogo que chegou ao seu punto máis álxido na segunda parte, na que o Celta puido cultivar moito máis que o definitivo empate 2-2.
O partido arrincou con infortunio para os celestes. Na primeira chegada do Burnley á área, no minuto 2, o dianteiro Jutkiewicz bateu a Rubén e puxo aos locais por diante no marcador. Golpe inesperado e que non fixo xustiza ao que veu a continuación. Os celestes non tardaron en tomar o mando do xogo e en xerar ocasións, con Santi Mina e Jordan a piques de anotar minutos despois do tanto ‘claret’.
Jutkiewicz volvía ameazar a portaría céltica no minuto 15 cun disparo cruzado que impactou contra a madeira. Mediado o primeiro tempo o encontro igualouse, cun Burnley que parecía poder facer máis dano. A mellor oportunidade para empatar chegou no 36, cunha dobre ocasión na que primeiro Larrivey e despois Santi Mina puideron anotar. O porteiro e un defensa abortaron os remates vigueses. O descanso chegou cun Celta envorcado ao ataque e un gran cabezazo de Larrivey que se marchou por encima do traveseiro.
Tras a continuación dominio abafador do cadro galego. O rival encerrouse mentres os de Berizzo encadeaban varios remates consecutivos. Unha man na área local, non sinalada, puido supor o gol do empate, que chegaría no minuto 65 cun tanto de Álex López tras unha gran asistencia de Orellana.
Pouco durou a alegría. Instantes despois volvía aparecer Jutkiewicz para aproveitar ao máximo as súas ocasións. Gol do Burnley que puña o marcador en 2-1. O Celta non veu abaixo e continuou levando a batuta do encontro, despregando un xogo brillante e acaparando a posesión do balón. No 73 Nolito materializou o dominio celeste cun disparo colocado ao pau que se coou até o fondo da portaría. Extraordinario o despregamento celeste no segundo tempo. Os ‘clarets’ tentaron arrefriar o partido mentres os célticos non cejaban no seu empeño por anotar o terceiro tanto. O partido chegou ao seu fin sen tempo para atopar a vitoria.
FICHA TÉCNICA
2-Burnley FC: Heaton, Trippier (O’Neill, 84′), Duff, Shackell (c), Mee, Arfield, Marney (Taylor, 67′), Jones, Wallace, Barnes (Reid, 79) e Jutkiewicz (Sordell, 79′)
2-RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, David Costas, Sergi Gómez, Samu, Goldar, Madinda, Yelko Pino, Jordan, Santi Mina e Larrivey. No segundo tempo: Rubén, Jonny, Cabral, Fontàs, Planas, Borja Fernández, Krohn-Dehli, Álex López, Orellana, Nolito e Charles
Goles: Jutkiewicz, 1-0 (2′); Álex López, 1-1 (65′); Jutkiewicz, 2-1 (68′); Nolito, 2-2 (73′)
Árbitro: M.Jones. Amonestou a Santi Mina y Álex López
Campo: Turf Moor Stadium (4.550 espectadores)