Mérito e tolemia poden definir unha tarde perfecta en Abanca Balaídos onde o RC Celta deu unha auténtica masterclass de afouteza e logrou levar os tres puntos dun partido para o recordo. Unha xornada que comezaba dunha forma moi especial con todo o celtismo envorcado en homenaxear a As Celtas por ese merecido ascenso directo que lograban hai escasos días. O equipo e corpo técnico ao completo foron recibidos por a calorosa ovación dun estadio cheo ata a bandeira.
Desta maneira arrincaba o penúltimo encontro da temporada na casa onde os de Claudio Giráldez saltaban ao terreo de xogo cunha aliñación completamente renovada e coas ganas de demostrar que o van a dar todo nestas últimas xornadas. Comezaban dominando os celestes que, no minuto 19, abrían o marcador cun golazo de Ilaix Moriba moi activo na área que ameazaba constantemente á zaga sevillista ata que conseguiu bater ao gardameta rival. Un gol que poñía en aprietos a un Sevilla que non atopaba a forma de penetrar a muralla celeste. Con todo, ao fío do descanso, o colexiado sinalaría penalti por unha man dentro da área de Marcos Alonso, unha decisión que, tras consultalo co VAR, supoñería a expulsión por vermella directa do defensa madrileño deixando ao conxunto celeste con dez e a toda a afección desconcertada. O Sevilla aproveitou a xogada para igualar o marcador grazas ao gol do Gudelj desde os once metros.
A pesar da desvantaxe numérica, se alguén tiña dúbidas do verdadeiro significado de afouteza só ten que prestar atención no que nos depararían os próximos 45 minutos do partido. Porque tras uns axustes tácticos no descanso, os de Claudio Giráldez saltaron novamente ao terreo de xogo coma se nada pasase. E así foi. O segundo acto foi unha auténtica oda á valentía. O RC Celta non se encerrou atrás, ao contrario, seguiron buscando o balón, sen medo, dominando o partido e xerando ocasións de perigo. Cunha defensa ben plantada e Vicente Guaita salvando dúas claras ocasións para o conxunto andaluz, os celestes demostraban que aproveitarían a oportunidade para seguir soñando.
E esa oportunidade chegaría no minuto 65, cando Óscar Mingueza, cun disparo case sen ángulo desde a banda dereita, lograba poñer o 2-1 no marcador. Un gol que transformaba a tensión contida en euforia e facía estalar Abanca Balaídos.
A medida que o partido se penetraba na súa recta final, o Sevilla atopábase desbordado ante un RC Celta que estaba a gozar e que mantiña a súa fe ata o último minuto. Un último minuto no que aparecía Borja Iglesias que, recentemente ingresado no terreo de xogo, regalábanos unha vaselina exquisita para anotar o terceiro que parecía sentenciar o encontro. A explosión de euforia era xa incontrolable e, a pesar, de que Kike Salas recortaba distancias nos últimos instantes do engadido, o celtismo xa vivía unha festa na bancada, un estalido de alegría ao que se sumaron os xogadores do RC Celta e As Celtas para festexar unha vitoria heroica que permite manter vivo o soño da esperanza.
Precisamente unha alegría coa que agora o equipo afronta unha nova xornada en apenas tres días, o vindeiro martes 13 de maio ás 20:00 horas, os de Claudio Giráldez enfrontaranse á Real Sociedade no Reale Area.
3 – RC Celta: Vicente Guaita; Yoel Lago, Carlos Domínguez, Marcos Alonso; Óscar Mingueza (Franco Cervi, min. 76), Ilaix Moriba, Damián Rodríguez (Fran Beltrán, min. 46), Hugo Álvarez (Borja Iglesias, min. 82); Iago Aspas (Javi Rodríguez, min. 46), Williot Swedberg (Mihailo Ristic, min. 69) e Pablo Durán (Iker Losada, min. 88).
2 – Sevilla FC: Nyland; Martínez, Badé (Isaac Romero, min. 45), Gudelj, Salas; Sánchez, Agoumé, Saúl (Ejuke, min. 84), Pedrosa (Suso, min.53); Peque (García Pascual, min. 66) e Lukebakio.
Goles: 1-0, min. 19: Ilaix Moriba. 1-1, min. 46: Gudelj (pen.). 2-1, min. 65: Óscar Mingueza. 3-1, min. 90: Borja Iglesias. 3-2, min. 98: Kike Salas.
Árbitro: González Fortes (Comité asturiano). Mostrou tarxeta vermella directa a Marcos Alonso (min. 45). Ademais, do Sevilla FC, amoestou a Isaac Romero.
Incidencias: Encontro correspondente á xornada 36 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Abanca Balaídos ante 20.281 espectadores. Nos prolegómenos rendeuse homenaxe a As Celtas polo seu recente ascenso de categoría, tomando a palabra sobre o terreo de xogo Vicky Vázquez e Lara Martínez.