Gustavo Cabral (1985, Arxentina) sumou a pasada xornada ante o Sevilla FC o seu partido oficial número douscentos coa camiseta do RC Celta (163 Liga, 25 Copa, 12 Europa League). Aínda que iniciou o partido como suplente, o arxentino entrou na recta final do choque en substitución de Jonny e engadiu un partido máis ao seu rexistro particular.
Non é unha cifra baladí a alcanzada por Cabral. O defensa central, en Vigo desde o verán de 2012, entrou no selecto grupo de trinta e nove futbolistas que lograron superar esa cantidade de partidos en toda a historia do RC Celta.