BARÇA CELTA 3
Primeiro Equipo

Inesperado desenlace para un RC Celta que soubo plantarlle cara ao FC Barcelona (3-2)

RC Celta

Dura derrota para o RC Celta, que viu como nos últimos instantes do partido, o FC Barcelona arrebatáballe a vitoria e retiña os tres puntos na súa casa.

O conxunto celeste saltou ao terreo do Estadio Olímpico Lluís Companys para asinar unha primeira parte redonda. Podíase ver a un equipo ben colocado, robusto defensivamente e perigoso en ataque. Un Celta de gran nivel que protagonizou múltiples ocasións para adiantarse no marcador ante un Barça que non terminaba de estar cómodo.

Corría o minuto 19 de xogo cando Strand Larsen recibía un balón que, tras un bo tiro cruzado, entraba na portería de Ter Stegen para facer o primeiro dos celestes. O internacional noruego celebraba así o seu segundo tanto da tempada que non só concedía a vantaxe para o seu equipo, senón que tamén lles outorgaba unha boa dose de moral para afrontar os vindeiros minutos.

Ocasións como a que tivo Iago Aspas na área rival, onde o capitán rematouna maxistralmente e cunha calidade abraiante ata que Ter Stegen desviouna a córner, ou o cabezazo de Larsen que rexeitou o gardameta blaugrana e que Luca da Torre non logrou sentenciar, fixeron que o RC Celta chegase ao descanso coa mínima superioridade no marcador.

Co inicio do segundo tempo, Xavi Hernández reorganizou ao seu equipo para mostrar un once moito máis ofensivo, pero o conxunto dirixido por Rafa Benítez seguiu fiel ao seu xogo e continuou co bo desempeño que viña facendo desde o comezo dun partido que aínda estaba moi vivo.

Ambos os conxuntos traballaban e loitaban por atopar portería. Araujo tivo un disparo perigoso desde fóra da área cara á meta de Iván Villar, pero o de Aldán rexeitouna con contundencia, preservando o resultado para os seus.

Minutos máis tarde, cando entrabamos na recta final dun partido que lonxe de serenarse volvíase máis frenético, nunha auténtica xogada de equipo chegaba o segundo para o Celta. Roubábaa Mingueza na área celeste para Bamba, este para Aspas e o capitán cedíalla a Douvikas, que a axustaba á escuadra para anotar o seu primeiro gol en La Liga EA Sports. Así, o Celta dobraba a súa vantaxe ante un FC Barcelona que non estaba disposto a renderse nin a encaixar a súa primeira derrota da tempada.

Oito minutos foron suficientes para que os blaugranas lograsen darlle a volta ao marcador. Liderados por Lewandowski, quen asinou un dobrete en catro minutos, non só lograron empatar o encontro, senón que un gol de Cancelo no minuto 89 arrebataba a vitoria ao Celta, que vía como o seu soño desvanecíase.

O conxunto dirixido por Rafa Benítez terá que esperar ata o vindeiro xoves, 28 de setembro, para tratar de resarcirse e buscar unha nova vitoria. Esta vez, será co Deportivo Alavés en fronte, en Abanca Balaídos ás 19:00 h.

FICHA TÉCNICA:

3 – FC Barcelona: Ter Stegen; Cancelo, Jules Koundé, A. Christensen (Álex Balde, min. 60), Marcos Alonso (R. Araujo, min. 46); Gündogan, Oriol Romeu (Lamine Yamal, min. 46), F. De Jong (Gavi, min. 36); Ferran Torres (Raphinha, min. 72), Joao Félix y Lewandowski.

2 – RC Celta: Iván Villar; Ó. Mingueza, Unai Núñez (Carlos Dotor, min. 94), Carl Starfelt, Carlos Domínguez, Mihailo Ristic; J. Bamba (Miguel Rodríguez, min. 94), Fran Beltrán, Luca de la Torre; Iago Aspas (Williot Swedberg, min. 78) y Strand Larsen (Tasos Douvikas, 66).

Goles: 0-1 Strand Larsen (min. 19); 0-2 Tasos Douvikas (min. 76); 1-2 Lewandowski (min. 81); 2-2 Lewandowski (min. 85); 3-2 J. Cancelo (min. 89)

Árbitro: Melero López. O colexiado ensinou cartón amarelo a Unai Núñez e por parte do FC Barcelona, foron amoestados Christensen e Gavi.

Incidencias: Encontro correspondente á sexta xornada de LaLiga EA Sports disputado no Estadio Olímpico Lluís Companys.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas