O RC Celta suma o seu primeiro punto en Abanca Balaídos tras empatar ante o Deportivo Alavés nesta sétima xornada de La Liga EA Sports. Un partido complicado, no que ambos os equipos buscaban unha vitoria que lles fixese subir postos na clasificación, e no que os celestes terminaron cun xogador menos no terreo de xogo.
Co inicio do primeiro tempo, o RC Celta atopouse un rival ben prantado e que non pretendía poñerlle as cousas sinxelas. Con todo, no minuto 35 os de Luís García cometían un erro garrafal para ledicia dos celestes. O central do Alavés, Rafa Marín, equivocábase cedendo o balón ao meta do conxunto visitante. Un balón potente que non se esperaba Antonio Sivera e que, ao non poder deter, materializábase no primeiro tanto para os celestes.
Ante a adversidade, o Alavés buscou o gol que lles fixese chegar ao tempo de descanso cun empate no marcados, pero as boas intervencións de Iván Villar frustraron os seus plans.
O segundo tempo seguiu marcado pola presión do conxunto vasco, pero os de Rafa Benítez lograban manter o resultado a favor. Con todo, a expulsión de Luca da Torre no minuto 68, tras ver a segunda amarela, desequilibraba o encontro, facendo aínda máis dano a un Celta que non remataba de atoparse cómodo e que coa inferioridade numérica pechouse atrás na súa área. Así, no 73 chegaba o tanto do empate para os visitantes.
Final intenso en Abanca Balaídos, no que os de Rafa Benítez conseguiron reter o resultado e sumar o primeiro punto en casa ante unha exemplar afección que acompañou ao equipo ata o minuto final.
Tras este encontro, o Celta ten por diante unha xornada de reflexión e autocrítica, para fixarse nos acertos e aprender dos erros da actuación de hoxe, para preparar o próximo partido que será este luns 2 de outubro ante a UD Las Palmas no Estadio de Gran Canaria ás 21:00 h.
FICHA TÉCNICA:
1 – RC Celta: Iván Villar; O. Mingueza, Unai Núñez, Carl Starfelt, Joseph Aidoo, Mihailo Ristic; Fran Beltrán (Renato Tapia, min. 63), Luca de la Torre, Jonathan Bamba (Carlos Dotor, min. 74); Iago Aspas (Tasos Douvikas, min. 63) y Strand Larsen (Carles Pérez, min. 56).
1 – Deportivo Alavés: Antonio Sivera; A. Gorosabel, Rafa Marín, A. Sedlar, Javi López (Rubén Duarte, min. 85); Álex Sola (Kike García, min. 69), Jon Guridi (Antonio Blanco, min. 63), Ianis Hagi (Xeber Alkain, min. 69), Ander Guevara, A. Rebbach (Luis Rioja, min. 62); S. Omorodion.
Goles: 1-0 Rafa Marín (PP. min.35); 1-1 S. Omorodion (min. 73)
Árbitro: Soto Grado. O colexiado amoestou a Fran Beltrán, Iago Aspas, Carles Pérez e amosou dobre amarela a Luca de la Torre, expulsándoo no minuto 68. Por parte do Deportivo Alavés, viron tarxeta amarela Javi López, Rafa Marín y Luis Rioja.
Incidencias: Encontro correspondente á sétima xornada de LaLiga EA Sports disputado no estadio Abanca Balaídos.