O RC Celta sumou un empate na visita do Getafe CF durante a novena xornada de La Liga EA Sports a Abanca Balaídos.
O conxunto dirixido por Rafa Benítez presentábase ante a súa afección cun cambio no seu sistema de xogo. Os celestes volveron a unha defensa de catro despois de sete xornadas para enfrontar aos de Bordalás e o seu característico estilo de xogo.
Sánchez Martínez daba comezo á primeira parte do encontro, que pronto poríase en contra para os celestes. Nunha das primeiras xogadas do partido, Mayoral chegaba á área celeste e adiantaba no marcador ao conxunto madrileño, que anotaba o 0-1 no minuto 2. Un duro golpe para os locais, que souberon manter a calma e traballar con seriedade para reverter este panorama adverso.
Nun saque de córner para o Celta, o VAR detectou un penalti cometido sobre Unai Núñez por un planchazo. Chegaba unha das ocasións máis prometedoras para os celestes no que levabamos de xogo. Iago Aspas dispúxose a lanzala desde os 11 metros, pero o balón terminou dándolle ao poste.
Insistiron os celestes, e aos 24 minutos, nunha boa actuación de Luca de la Torre pola banda esquerda, cedíalla a Jonathan Bamba para marcar o gol do empate, o primeiro tanto dos celestes en Abanca Balaídos e o primeiro do costamarfilense en La Liga EA Sports. Cantaba e festexaba pletórica a afección desde as bancadas co seu equipo, que non só equilibraba o encontro, se non que abría a veda do gol en casa.
Estaba a ser un partido de intensas emocións, agudo e vivo. Á media hora, o colexiado expulsaba ao central Domingos Duarte por dobre amarela, e aos tres minutos de quedar con 10, o Getafe lograba volverse a poñer por diante ao anotar o seu segundo tanto, obra de Greenwood.
A punto estabamos de chegar ao descanso cando Mihailo Ristic centraba desde a esquerda un bo balón para Aspas, cuxo remate era rexeitado por David Soria e reciclado por Strand Larsen que, tras validar a xogada co VAR, celebraba o seu primeiro tanto oficial en Abanca Balaídos e o terceiro da tempada.
A punto estivo o noruegués de adiantar aos seus durante os sete minutos do tempo de desconto, pero os equipos terminarían marchando ao túnel de vestiario a táboas.
A segunda parte foi de dominio local, con practicamente todos os xogadores celestes no campo rival durante a maioría destes segundos 45 minutos. O Celta, que insistía e acometía constantemente contra un Getafe moi pechado na súa área, que aproveitaba cada ocasión para restarlle minutos de xogo ao encontro e cun David Soria moi conectado e acertado nas súas intervencións, terminaría o duelo da mesma maneira que como o terminou no primeiro tempo: con empate a dous.
Tras sumar un punto, os de Rafa Benítez teñen por diante dúas semanas de traballo ata o seu próximo encontro ligueiro, que será novamente en Abanca Balaídos ante o Atlético de Madrid, o sábado 21 de outubro ás 21:00 h.
FICHA TÉCNICA:
2 – RC Celta: Iván Villar; O. Mingueza, Unai Núñez, Carl Starfelt, Mihailo Ristic (Manu Sánchez, min. 86); Carles Pérez (Tasos Douvikas, min. 86), Fran Beltrán (Hugo Sotelo, min. 60), Luca de la Torre, Jonathan Bamba (Miguel Rodríguez, min. 79); Iago Aspas y Strand Larsen.
2 – Getafe CF: David Soria; Damián Suárez, D. Duarte, G. Álvarez, Diego Rico; C. Aleñá (Alderete, min. 46), Djené (Juan Iglesias, min. 61; Carmona, min. 90), Maksimovic, J. Mata; Greenwood (Arrambarri, min. 61) y Mayoral (Latasa, min. 71).
Goles: 0-1 Mayoral (min. 2); 1-1 Jonathan Bamba (min. 24); 1-2 Greenwood (min. 33); 2-2 Larsen (min. 42)
Árbitro: Sánchez Martínez. O colexiado amoestou por parte dos celestes a Fran Beltrán, e por parte do Getafe CF, viron tarxeta amarela Maksimovic, Djené, Mata y Aleñá, e foi expulsado por dobre amoestación Duarte.
Incidencias: Encontro correspondente á novena xornada de La Liga EA Sports disputado no estadio Abanca Balaídos.