O RC Celta abriu o seu Centenario enfrontándose ao Real Madrid fronte a unha afección entregada que encheu as bancadas de Abanca Balaídos. Os celestes traballaron e loitaron, pero finalmente non puideron regalarlle aos seus a ansiada vitoria e deixar os puntos na casa.
Os de Rafa Benítez saltaron ao terreo de xogo ao compás desa “Oliveira dos Cen Anos” que os celtistas cantaron ao unísono para animar ao seu equipo e darlles unha boa dose de apoio e moral. E non tardou en producir efecto. No minuto 3 chegaba un celebrado gol de Strand Larsen que, finalmente, sería anulado polo colexiado. Varias foron as ocasións do Celta posteriormente, con todo, chegou o tempo de descanso co marcador a ceros.
Na segunda metade do partido, o equipo volveu mostrar unha moi boa versión ante un Real Madrid que tamén buscaba inclinar a balanza ao seu favor. Corría o minuto 68 cando Díaz de Mera pitaba un penalti a favor do conxunto branco que podía determinar o partido; pero unha espectacular parada de Iván Villar devolvíalle ao Celta a ilusión dunha vitoria.
Os celestes buscaron incansablemente o triunfo. Demostraron talante e contundencia, sendo numerosas as ocasións de gol que se lles presentaron. Con todo, foi cara a final do encontro, cando aproveitando un saque de esquina, Bellingham marcaba o único tanto do partido que lle outorgaba a vitoria aos de Ancelotti.
O RC Celta retomará a partir de mañá os seus adestramentos e empezará xa a preparar o seu encontro do próximo venres 1 de setembro ante a UD Almería.
FICHA TÉCNICA:
0 – RC Celta: Iván Villar; O. Mingueza, Aidoo Jr, Unai Núñez, Carl Starfelt, Cervi (Manu Sánchez, 45+2); Luca de la Torre (Miguel Rodríguez, 81), Fran Beltrán, Bamba; Iago Aspas y Strand Larsen (Renato Tapia, 77).
1 – Real Madrid: Kepa; Dani Carvajal, Rüdiger, Alaba, Fran García (Nacho, 80); F. Valverde, A. Tchouaméni (Luka Modric, 62), Camavinga (Toni Kroos, 62), Bellingham; Vinicius Jr. (Joselu, 18) y Rodrygo.
Goles: 0-1 Bellingham (81)
Árbitro: Díaz de Mera. Mostrou cartón amarelo a Iago Aspas e Renato Tapia. Por parte do Real Madrid, foron amoestados Toni Kroo, Rüdiger e Nacho.
Incidencias: Encontro correspondente á terceira xornada de LaLiga EA Sports disputado no estadio Abanca Balaídos.