O dianteiro dixo adeus ao celtismo esta mañá, no estadio de Balaídos
Quique de Lucas despediuse esta mañá do club e da afección céltica na sala de prensa do estadio de Balaídos. O futbolista estivo acompañado polo vicepresidente do Celta, Pedro Pousada, quen lle agradeceu a súa aportación ao equipo durante tres anos: “deixas en Vigo a moita xente que garda e gardará un recordo impresionante de ti. Desexamos que sexas feliz alá onde vaias”.
O dianteiro catalán comezou pedindo desculpas porque “gustaríame despedirme en galego, pero aínda exprésome mellor en castelán”, unha chiscadela á cidade e a Galicia. De Lucas deu grazas ao club “por apostar polo meu nun proxecto que foi marabilloso. Se de pequeno alguén quere ser futbolista é para vivir cousas como as que vivín aquí”. O catalán asegurou que a do Celta “foi unha das miñas mellores etapas. A bagaxe final é inmensamente positiva”.
De Lucas despediuse dando grazas a todos e afirmando que o celtismo “gozará moito co que o club ten preparado”. Tras a rolda de prensa, o atacante saíu ao céspede de Balaídos para despedirse en persoa das decenas de afeccionados que acudiron a mostrarlle o seu agarimo e agradecemento. Grazas Quique e moita sorte!