Os celestes reaccionaron na segunda metade, na que ofreceron unha boa imaxe
O Celta caeu con claridade no Camp Nou tras unha primeira metade de dominio local e unha segunda na que os vigueses deron unha mellor imaxe e dispuxeron de boas ocasións para marcar. A segunda parte deixou boas sensacións para o seguinte compromiso en Balaídos.
Mal comezou o partido para o Celta. Ao cinco minutos, pase interior para Alexis, en posición dubidosa, e este cede a Neymar para que empuxe o coiro á rede sen oposición. Os vigueses víronse empuxados polo cadro local á súa área, onde defendía cunha defensa de cinco, e apenas era capaz de entrar en contacto co coiro.
Aos 19 minutos, nunha fase na que o Celta xa comezaba a estirarse, o colexiado sinalou penalti, con amarela por man para Adriano, unha decisión que rectificou con acerto para pór o coiro ao bordo da frontal da área. A falta, lanzada por Orellana, atrapouna Valdés en dous tempos. Nesta xogada, o porteiro local caeu lesionado e tivo que ser substituído.
Pouco despois, con xa defensa de catro nos celestes, a punto estivo de marcar o Celta nun saque de esquina, pero o coiro saíu preto do pau dereito da meta do conxunto blaugrana. Á seguinte, co Celta con dez pola lesión de Cabral, o Barcelona volveu atopar espazos e Messi anotou ante Yoel. Partido moi costa arriba á media hora de xogo. Finalmente, Cabral tivo que abandonar o campo e Íñigo López ocupou o seu posto no eixo da zaga.
O Celta chegou nun par de ocasións até o descanso, pero sen xerar excesivos apuros ao conxunto catalán.
Tras o descanso, o Celta saíu arriba e no arranque e se xerou varias chegadas con perigo, pero sen fortuna. Pinto salvou de maneira milagreira dúas claras ocasións de Augusto e Santi Mina aos 7 minutos nunha fase do xogo dominada con claridade polo Celta, que tiña unha cara ben distinta, con maior agresividade e presión adiantada.
Os celestes encerraron ao Barcelona no seu campo e encadearon varias chegadas con perigo. O dominio era abafador, pero una contra, tras un córner, deixou só a Neymar para que fixese o terceiro. Inmerecido. O infortunio a continuación para Bermejo, que nun rexeite o coiro saíu lamiendo o pau. Pinto salvou despois un bo lanzamento de Jonny tras unha gran xogada e un bo cabezazo de Bermejo.
Boa segunda metade dos celestes, na que mereceron máis dun gol.
FICHA TÉCNICA
3-F.C.Barcelona: Valdés (Pinto, min.23), Adriano, Mascherano, Bartra, Jordi Alba, Song, Iniesta (Sergi Roberto, min.46), Cesc, Alexis, Messi e Neymar (Pedro, min.70)
0-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, Cabral (Íñigo López, min.37), Aurtenetxe, Jonny, Fontás (Oubiña, min.73), Madinda, Álex López, Augusto, Orellana (Bermejo, min.63) e Santi Mina
Goles: 1-0, min.5: Neymar; 2-0, min.29: Messi; 3-0, min.67: Neymar
Árbitro: Ayza Gámez, del comité valenciano. Amonestó a Adriano, Jordi Alba, Augusto, Hugo Mallo
Campo: Camp Nou